A Xunta someterá o proxecto da Ronda Leste a unha nova declaración de impacto ambiental
Rubén Arroxo contesa que “a Xunta ten que protexer o Paseo do Rato e non seguir adiante cun proxecto que destruirá o noso patrimonio natural”. O portavoz do BNG lembrou que a propia Xunta recoñece que a rolda Leste “non é necesaria para reducir a conxestión de ningún outro vial".
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anunciou hoxe que ante as alegacións presentadas e informes recadados no período de información pública, a Xunta vai someter a unha nova declaración de impacto ambiental o proxecto da Rolda Leste.
Arias sinalou que “antes de que conseguiramos o financiamento para executar este proxecto, todos entendían que era fundamental para a cidade, pero acadados os máis de 20 millóns de euros necesarios e mellorando o proxecto orixinal para que tivese un impacto mínimo no paseo do Rato comezaron os paus nas rodas, e unha infraestrutura como a Rolda Leste non pode xerar división, senón acordo e consenso”.
A Xunta segue traballando no impulso desta infraestrutura, pensada para un Lugo en grande, polo que continuará desenvolvendo este proxecto coa maior seguridade xurídica e buscando un gran consenso.
O Goberno galego volverá solicitar os informes sectoriais e os estudos que sexan precisos, “porque é unha obra de gran calado e consideramos que merece un gran acordo do que poidan participar as distintas administracións e colectivos sociais”, afirmou o delegado.
A Xunta porá marcha o procedemento inmediatamente co fin de non demorar máis do indispensable esta obra, na que prevé investir máis de 20 millóns de euros.
O novo tramo da Rolda Leste pechará o anel de circunvalación establecido no PXOM de Lugo e, polo tanto, o percorrido de acceso ao HULA, desde a glorieta de enlace coa LU-530 ata a Tolda de Castela, vertebrando o sur da cidade e permitindo unha conexión máis áxil e segura, tanto cara á N-VI e a avenida de Madrid como ás áreas empresariais das Gándaras e O Ceao ou o centro comercial, entre outros.
CONTESTACIÓN DO BNG
Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo, anunciou que o BNG retomará a campaña contra o trazado actual da rolda Leste despois do anuncio da Xunta de Galiza de continuar adiante coa infraestrutura. Arroxo declarou que “a Xunta danos a razón ao recoñecer que é preciso realizar unha nova declaración de impacto ambiental, mais seguimos a defender que manter o Parque do Rato é máis importante que crear unha nova vía na que o propio proxecto recoñece que é innecesaria para reducir a conxestión de outros viais”.
Rubén Arroxo afirmou que “o Parque do Rato completa o cinto verde do concello de Lugo, un terreo natural que calquera outra cidade querería ter”, e engadiu “desde o BNG seguiremos traballando para que non se destrúan as zonas verdes de Lugo para crear unha nova autovía”. Segundo destacou o portavoz do BNG, “Lugo avanzou moito na sustentabilidade urbana e na reducción da pegada de carbono a través das accións do BNG no goberno municipal, hoxe vemos como o PP pretende dar un paso atrás e destruír o unha das zonas verdes que máis desfrutan as veciñas e veciños".
Arroxo lembrou a reclamación do BNG para que o investimento previsto para a Rolda Leste se adique a recuperar o barrio da Tinería. Segundo Rubén Arroxo "trasladando o orzamento que gardan para a rolda Leste neste ano, o barrio da Tinería poderá avanzar e poñerse ao nivel que merece como zona histórica da cidade ".
O BNG presentou unha serie de alegacións ao proxecto constructivo da Rolda Leste. A Xunta de Galiza da a razón ás alegacións do BNG, que reclamaban unha nova Declaración de Impacto Ambiental do proxecto, dado que a orixinal que data do ano 2005, e reclama reclama tamén unha maior protección do trazado afectado na Vía Künig, onde o propio proxecto recoñece unha afectación de 68 metros, recoñecemento que, segundo o BNG, "fai que sexa convinte acelerar o estudo da vía coa fin de non causar prexuízos que sexan irreparables a longo prazo".
No referente ao tráfico, o propio estudo incluído no proxecto recoñece que o nivel agardado pode ser absorbido polas vías existentes, "o que converte en inútil eliminar ese terreo do paseo do Rato, un espazo verde envexable para moitas cidades", sentenciou Rubén Arroxo.