A Xunta tramitará con urxencia a renovación da cuberta do CEIP As Mercedes

A Xunta de Galicia executará con carácter de urxencia a renovación da cuberta do CEIP As Mercedes de Lugo, co obxectivo de que os traballos se leven a cabo durante o verán e rematen antes do comezo do novo curso escolar, reducindo ao mínimo as interferencias na actividade académica habitual.
Así o anunciou este xoves o delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, durante unha visita ao centro educativo, onde explicou que se substituirá o teito de tres volumes do edificio, deixando fóra unicamente a ampliación realizada en 2017. Aínda se está a concretar o proxecto e o investimento final, pero estiman que será necesario renovar ao redor de 700 metros cadrados de cuberta.
Arias salientou a “resposta inmediata” da administración autonómica “fronte a un problema derivado da total ausencia de mantemento por parte do Concello”, o que provocou, segundo afirmou, un claro deterioro no estado da cuberta do colexio. Agradeceu tamén á Consellería de Educación que priorizase esta intervención, que cualificou como “urxente e necesaria”, e valorou a súa axilidade para garantir que a reforma estea lista ao comezo do próximo curso. “Queremos transmitir tranquilidade ás familias porque estamos a traballar para que o colexio teña unha nova cuberta o antes posible”, asegurou.
O delegado lembrou que desde 2009 a Xunta leva investidos preto de 700.000 euros neste centro, dos que máis de 450.000 se destinaron á súa ampliación. Ademais, nos últimos anos tamén se reformaron aulas de infantil e baños, e substituíronse as luminarias.
Arias aproveitou a ocasión para destacar o compromiso do Goberno galego coa modernización das infraestruturas educativas da cidade, coa execución de obras relevantes como a rehabilitación integral do histórico edificio do IES Lucus Augusti, cun investimento de 3,3 millóns de euros e cuxa finalización está prevista tamén para o comezo do curso 2025-2026.
Entre outras actuacións recentes ou en marcha, mencionou a reforma integral da Escola de Arte Ramón Falcón e dos institutos Ánxel Fole e Nosa Señora dos Ollos Grandes, a construción dunha central de biomasa que abastece varios edificios públicos da zona, un novo edificio de cociñas no IES Sanxillao e outro para talleres no CIFP Politécnico, actuacións que superan os 9 millóns de euros de investimento global.