A Xunta traslada a responsabilidade da paralización das obras do caneiro á CHMS
A Xunta de Galicia aclara que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) non pode executar a obra do caneiro do Miño en Aceña de Olga porque nin sequera está aprobado o proxecto, pendente de autorización desde o ano 2018.
A cronoloxía desta actuación non comeza coa licitación da obra, no ano 2022, senón coa redacción do proxecto, informado pola Xunta en agosto do 2018. Nese informe, esíxese a presentación dun inventario de campo de especies en perigo de extinción ou vulnerables, e de “medidas correctoras ou protectoras adicionais no caso de afectar a hábitats naturais prioritarios ou especies ameazadas, que deberán ser previamente aprobadas polo Servizo de Conservación da Natureza de Lugo”.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda agardou catro anos pola resposta; a Confederación Hidrográfica ignorou o procedemento a seguir e continuou tramitando a licitación da obra. En xuño deste ano retomou a actuación, coa obra xa contratada e remitindo unha solicitude -o 17 de xuño- para o traslado de 100 exemplares illados de mexillón.
Ante as eivas da nova documentación, e o conseguinte requirimento da Xunta, un mes despois -o 18 de xullo-, a Confederación elabora un inventario e amplía a solicitude a 1270 exemplares de Potomida litoralis e 630 de Unio delphinus, e ademais sinala a presencia da planta acuática ameazada Nymphoides peltata, en perigo de extinción.
Dadas as evidentes diferencias, e posto que aínda non se alude ás medidas correctoras adicionais reclamadas desde o ano 2018, o 29 de xullo pídeselle información complementaria. O 1 de agosto ten entrada por fin a documentación que recolle esas medidas correctoras, que estes días están avaliando os servizos técnicos da Xunta.
A Consellería dispón, polo tanto, dende hai doce días da documentación solicitada hai catro anos e da que dependerá a aprobación do proxecto, paso ineludible para poder autorizar a obra. Os servizos de Patrimonio Natural actuaron coa maior dilixencia para facilitar a execución das obras. Pese a que contan cun prazo de tres meses para responder á solicitude da Confederación, moi probablemente estaría resolta se cando menos o 17 de xuño se presentara completa a documentación; e con toda seguridade se o tiveran feito durante o proceso de elaboración do proxecto, como debían.
Por todo o exposto, o único responsable se non se poden levar a cabo as obras é a CHMS, por desentenderse do proxecto durante 4 anos e presentar documentación incompleta e con eivas.