A Xunta urxe ao Concello de Lugo a formalizar o convenio para activar o comedor en Fingoi 2

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reclamou ao Concello de Lugo que rubrique o convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha “canto antes” o servizo de comedor escolar na Escola de Educación Infantil Fingoi 2.
Arias realizou estas declaracións durante unha visita ao CIFP As Mercedes, onde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ten xa preparada a aula móbil que ofrecerá o servizo unha vez que se formalice o acordo entre ambas administracións.
Segundo explicou, o módulo desmontable será instalado na parcela situada ao carón da escola, un terreo de titularidade municipal, polo que a sinatura do convenio é imprescindible para avanzar na posta en funcionamento do comedor.
O delegado asegurou que a Xunta está “en disposición inmediata” de colocar a instalación, e lembrou que tamén será preciso acometer pequenos traballos de adecuación da zona. Por iso pediu ao Concello que “axilice os procesos e permita que o comedor sexa unha realidade o máis axiña posible”.
Arias destacou que, aínda que a responsabilidade de garantir este servizo é municipal, o Executivo autonómico decidiu implicarse “para atender as necesidades das familias e achegar unha solución rápida e efectiva”.
O acordo establece que a Consellería de Educación instalará e manterá o módulo mentres dure a vixencia do convenio, fixada inicialmente en dous anos prorrogables por un máis. Pola súa parte, o Concello comprométese a autorizar o uso duns 100 metros cadrados de solo municipal e a prestar o servizo de comedor ao alumnado do centro.