A XVII Festa da Pandeira en Piornedo volverá a difundir os sons tradicionais
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo celebrará o vindeiro sábado, 24 de agosto, xunto á Asociación Cultural O Teixeiro, o Encontro de Tocadoras e a XVII Festa da Pandeira en Piornedo. Unha cita que ano a ano reúne a decenas de tocadoras e tocadores para facer soar os seus instrumentos. Deste xeito, o municipio será o escenario da cita na que o baile tradicional e a música volverán a ser protagonistas este sábado.
A deputada de Cultura Iria Castro destacou que esta reunión “recupera e difunde os sons tradicionais galegos, divulgando a cultura. Dende a Vicepresidencia provincial consideramos necesario colaborar co tecido asociativo para a posta en marcha de actividades que dinamicen a cidades e vila lucenses, ao tempo que, a importancia destas iniciativas crean interese e amor pola cultura e a música tradicional”.
A xornada comezará ás 10.30 horas co obradoiro de bailes tradicionais da serra e, ao remate, levarase a cabo un taller de iniciación aos toques da pandeireta. Será a partir das 13.00 horas cando se leve a cabo a acollida e o xantar homenaxe. Xa pola tarde, ás 16,30 horas, haberá tocadoras de pandeireta, música e baile da zona e actuacións de distintas agrupacións e escolas. O encontro despídese coa cea e pola vila. O programa complétase o venres 23 de agosto cun obradoiro de pandeireta de balde impartido polo músico, tocador e mestre Luís Prego.