A XVIII Feira Artesán de Castroverde volverá animar o municipio o 17 de agosto

Tras a celebración das Festas de Castroverde 2025, que foron consideradas unha das mellores que se recordan na vila, o municipio prepara unha nova xornada de festa coa XVIII Feira Artesán de Castroverde, que terá lugar o próximo 17 de agosto.
A feira abrirase ao público ás 10:00 horas e ás 11:00 comezará a concentración de motos e coches clásicos no recinto feiral. Ás 12:00 será a recepción das autoridades e a inauguración oficial, acompañada da actuación da Asociación Cultural e Musical Zuncurrundullo, que tamén ofrecerá un percorrido polo recinto.
Xa pola tarde, ás 13:00, a mesma asociación recreará musical e teatralmente unha feira de época. Unha hora máis tarde, Pilar Alicia Carballedo Portela, xornalista do Concello de Castroverde, ofrecerá o pregón da feira. Ás 14:00 e ás 18:00 actuará a Louband Oficial, mentres que ás 16:30 haberá festa de inchables nas piscinas municipais.
O programa continúa ás 19:30 coa actuación de circo da compañía Circo Chosco co espectáculo “Távole” no aparcadoiro das piscinas. Para rematar, ás 20:30 o mago Martín Camiña presentará o espectáculo de maxia “Unha tarde con moito aquel” na Praza do Concello, e ás 22:00 terá lugar na mesma praza o concerto adiado de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.