A XVIII Festa da Gaita de Quintá reunirá música tradicional e gastronomía na montaña lucense

LugoXa
A cita, impulsada pola Asociación Chao de Sebes en Becerreá, conta cunha achega de 6.000 euros da Deputación e espérase que atraia preto de mil persoas
Festa-da-Gaita-de-Quintá-Becerreá-2025
12 Aug 2025

A parroquia de Quintá de Cancelada, no municipio de Becerreá, acollerá esta fin de semana, os días 16 e 17 de agosto, a XVIII edición da Festa da Gaita, organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes e apoiada pola Deputación de Lugo cunha achega económica de 6.000 euros.

O evento reunirá a numerosos intérpretes de música tradicional da contorna, nunha celebración na que instrumentos como a gaita e o acordeón serán os protagonistas e na que tamén se poderán degustar produtos de proximidade.

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que se trata dun encontro “xa consolidado na montaña lucense” e que é capaz de congregar a preto de mil asistentes nunha parroquia que non alcanza os 300 habitantes. Valorou que é “unha iniciativa valente” que amosa que o rural “non está baleiro, senón cheo de ideas, talento e proxectos” e subliñou que para que prosperen “as administracións públicas debemos poñer da nosa parte”.

García Porto remarcou o compromiso da Deputación con este tipo de propostas, que contribúen á dinamización económica e social do rural e á consolidación dun modelo de turismo de calidade e sostible, xerador de valor no territorio.

Na presentación participaron tamén o presidente da Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes, quen adiantou que o programa comezará o sábado 16 de agosto ás 13:00 horas coa recepción dos participantes, e o músico Xosé Vázquez. O acto contou, ademais, coa actuación dunha agrupación de música tradicional que chamou a atención da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.21564102172852