A XVIII Limpeza Simultánea de Ríos 'Móllate polos ríos' terá lugar o 21 de setembro

O vindeiro domingo 21 de setembro terá lugar en Lugo a XVIII Limpeza Simultánea de Ríos “Móllate polos ríos”, unha iniciativa de voluntariado ambiental impulsada por ADEGA coa colaboración da UNED de Lugo e da asociación Coidemos Lugo.
A actividade desenvolverase na contorna do río Miño, nas inmediacións da UNED, en horario de 11:00 a 14:00 horas, cunha duración aproximada de tres horas. O punto de encontro será a entrada principal do centro universitario, onde as persoas participantes terán dispoñible o aparcadoiro.
A xornada ten como obxectivo retirar os residuos acumulados no leito e nas marxes do río, ao tempo que se promove a sensibilización cidadá sobre a importancia de manter limpos e sans os ecosistemas fluviais.
Na pasada edición de 2024, na que colaboraron 71 entidades, lográrase recoller máis de 10 toneladas de lixo grazas ao esforzo de máis de 1.300 voluntarios.
A participación é de balde e está aberta a toda a cidadanía. As persoas que se inscriban recibirán unha camiseta conmemorativa e recoméndase acudir con material propio como luvas resistentes, botas de auga, paus ou pinchos para recoller residuos e bolsas ou sacos. Tamén se fai fincapé en manter medidas básicas de seguridade, como evitar riscos innecesarios, actuar con precaución ante obxectos cortantes e prestar atención especial ás crianzas e ás zonas de corrente forte.
Con esta acción, UNED Lugo, ADEGA e Coidemos Lugo reafirman o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente na protección dos ecosistemas acuáticos e na loita contra a contaminación.