A XXVIII Feira de Artesanía de Castroverde consolídase como referente cultural e económico da comarca

A XXVIII Feira de Artesanía de Castroverde resultou todo un éxito, confirmándose como unha das citas máis destacadas da comarca para a posta en valor da cultura popular e dos oficios tradicionais. Un evento que, ademais de dinamizar a economía local, serve para reforzar a identidade do territorio.
Nesta edición participaron preto de 50 expositores chegados tanto da comarca como doutras zonas de Galicia, que ofreceron pezas únicas elaboradas con técnicas herdadas de xeración en xeración. O público tamén puido gozar de demostracións en directo de obradoiros artesáns e das actuacións de grupos de música tradicional, que puxeron o compoñente festivo á xornada.
A deputada Montse Valcárcel amosou a súa satisfacción por poder apoiar unha feira que, segundo dixo, “pon en valor as tradicións desta zona de Lugo” e insistiu en que “Castroverde ten un potencial inmenso e débese impulsar para que sexa un referente da comarca”.
Valcárcel salientou a importancia de desenvolver políticas activas de apoio á artesanía, lembrando que os oficios tradicionais non só forman parte do patrimonio cultural galego, senón que tamén poden actuar como motor económico para o rural. “Os oficios tradicionais deben contar con políticas de impulso e apoio para ser un motor de desenvolvemento económico das zonas nas que se desenvolven”, apuntou, ao tempo que reclamou á Xunta de Galicia axudas específicas, programas de formación e campañas de promoción que garantan a continuidade destas prácticas.
Para rematar, quixo agradecer expresamente o traballo das e dos artesáns participantes: “Son quen lle dan sentido a esta feira, amosando todo o potencial que temos no noso país. Grazas a eles, hoxe Castroverde é escaparate do talento, a creatividade e a tradición galega”.