A XXXIV edición da Festa da Androlla de Navia de Suarna foi todo un éxito

A XXXIV edición da Festa da Androlla de Navia de Suarna consolidouse como un rotundo éxito de participación ao reunir a milleiros de persoas, non só dos veciños da comarca, senón tamén de visitantes de fóra, que se achegaron para gozar desta festa gastronómica tan representativa da zona.
A festividade tivo como protagonista indiscutible a androlla, un embutido típico elaborado con tripa grosa de porco, rechea de costela, tocino e morro, adobado con pemento doce ou picante, allo, orégano e sal. Nesta edición, superáronse os 2.000 quilos de androlla vendidos, batendo récords de consumo e demostrando a enorme popularidade deste manxar local.
O evento, que comezou ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas e unha proba de habilidades, desenvolveuse ao longo do día con diversas actividades que atraeraron a milleiros de persoas. Ás 10.30 horas, abriuse oficialmente a festa coa inauguración dos postos de comerciantes e artesáns, onde os asistentes puideron adquirir produtos típicos e artesanais da rexión.
Ás 13.00 horas, a Praza da Vila foi escenario dunha degustación gratuíta de androlla, que se converteu nun dos momentos máis agardados da xornada. Ademais, o xantar oficial ás 15.00 horas foi outro dos grandes atractivos, seguido dunha nova actuación do grupo de gaitas ás 18.00 horas, antes da clausura da feira.
O evento contou coa colaboración da Deputación de Lugo, que destacou a importancia desta festividade como "un auténtico escaparate para amosar a rica gastronomía, as tradicións e os produtos máis autóctonos da nosa terra".