Abadín, Castro de Rei, Friol e Outeiro de Rei únense para licitar o subministro de enerxía 100% renovable

LugoXa | TerraChaXa
Os concellos prevén un aforro medio do 10% nos custos enerxéticos
lampada-luz-iluminacion
30 Out 2024

Os concellos de Abadín, Castro de Rei, Friol e Outeiro de Rei lanzaron unha licitación conxunta para o subministro de enerxía eléctrica durante os próximos dous anos, cun orzamento total de 1.395.463,34 euros e a opción de prórroga.

Esta iniciativa busca garantir mellores prezos e aforro enerxético mediante a compra de enerxía 100% renovable, co obxectivo de impulsar un futuro máis sostible para os municipios participantes.

Grazas a este contrato, os concellos prevén un aforro medio do 10% nos custos enerxéticos, o que suporá un importante beneficio económico para as arcas municipais e para os veciños. O proxecto contou co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que financiou entre o 50% e o 80% dos estudos necesarios para desenvolver esta colaboración.

Esta licitación é un exemplo de cooperación municipal, demostrando que a unión entre concellos permite acceder a servizos máis eficientes e competitivos, reforzando o compromiso con un modelo de consumo enerxético responsable e sustentable.

Esta agrupación de concellos segue o exemplo dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Antas, Palas e Monterroso, que xa sacaron o contrato de licitación por valor de 1.424.506 euros.

0.17193603515625