González Abelleira acusa ao goberno de Rueda de "infrafinanciamento" e de poñer en risco o benestar cidadá

A concelleira de Cohesión territorial e voceira municipal, Ana González Abelleira, reiterou esta mañá que “o actual financiamento que recibe o Concello de Lugo por parte da Xunta é claramente insuficiente para cubrir as demandas crecentes da nosa poboación, en especial en áreas de importancia capital como a atención social, a educación e a sanidade”. González Abelleira ve necesario que “o Goberno autonómico asuma dunha vez por todas as súas funcións, que compense o gasto que concellos como o de Lugo están a facer en competencias da Administración Galega e que actue de forma decidida en materias nas que agora mesmo hai unha parálise total, como pode ser a xestión dos fondos europeos”.
“Están asfixiando ás administracións locais ante a necesidade de asumir competencias impropias, que son responsabilidade da Xunta. A falta de recursos adecuados impide desenvolver programas e proxectos que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas, nun momento en que a crise económica e social agravou as desigualdades e a vulnerabilidade de moitos fogares”, apuntou Ana González Abelleira.
Desde o Concello reclámase unha revisión e aumento dos fondos que o Goberno autonómico destina a Lugo, co fin de compensar o déficit acumulado nos últimos anos. “Non podemos permitir que o infrafinanciamento siga poñendo en risco o benestar dos e das lucenses. É imprescindible que a Xunta asuma a súa responsabilidade e garanta un financiamento xusto e suficiente para que Lugo poida avanzar en igualdade de condicións con outras cidades galegas”, afirmou a edil de Cohesión Territorial.
A voceira tamén fai un chamamento á Xunta para que priorice o investimento en políticas sociais, que son fundamentais para garantir a protección dos colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores, as familias en situación de pobreza ou as persoas con discapacidade. “Dos 1.475 millóns de euros ingresados á Xunta, esta transferiu ás entidades locais un 0,01%, o que fala por si só desa inoperancia. Neste sentido temos que lembrar que o Concello de Lugo está a xestionar 44 millóns de euros de fondos europeos, sendo exemplo non só de xestión, senón tamén de execución e xustificación”, asegurou Abelleira, quen tamén puxo o foco sobre a precariedade do financiamento das políticas sociais.
Outra das competencias propias da Xunta de Galicia que segundo González Abelleira está obrigada a asumir o Concello é a de Muller e Igualdade. Neste senso, lembra que “o orzamento total do Goberno local nesta área ascendeu o ano pasado a uns 850.000 euros. Ademais de asumir as competencias autonómicas no municipio lucense, o CIM de Lugo atende e asiste a mulleres doutros municipios lucenses, xa que na provincia de Lugo hai 11 Centros de Información á Muller, fronte aos 17 que operan na provincia de Ourense, os 27 de Pontevedra e os 29 que hai abertos na provincia da Coruña”, explicou a voceira.
“O investimento en benestar social non é un gasto, senón un investimento no futuro da nosa cidade e na cohesión social. Lugo e os lucenses non poden continuar asumindo o custo de servizos como Axuda no Fogar o Xantar no fogar mentres o Goberno de Rueda mira para outro lado”, engadiu a edila. “Reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando en colaboración coa Xunta, pero tamén esiximos unha resposta clara e concreta para corrixir esta situación de infrafinanciamento. A cidade necesita recursos suficientes para afrontar os seus retos e ofrecer á veciñanza un servizo público de calidade, en liña cos dereitos e expectativas da cidadanía”, concluíu.