Aberta a convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares

LugoXa
Aberta a convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares, para traballos, inéditos e en galego, ata o 29 de setembro
presentacion do certame investigacion guntin pallares
16 Xuño 2023

As persoas investigadoras poderán presentar os seus traballos, inéditos e en galego, ata o 29 de setembro.

O Museo Provincial de Lugo acolleu este medidoía a presentación do XVII Certame de Investigación Condado de Pallares, convocado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, co obxectivo de promover a investigación nos ámbitos da linguística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no territorio que conformaba o antigo Condado de Pallares, entre os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

As persoas interesadas en participar poden achegar os seus traballos de investigación, escritos orixinais e inéditos en lingua galega, ata o 29 de setembro, remitíndoos por correo certificado, baixo plica, á Casa Reitoral de Ferreira de Pallares, onde ten a súa sede a asociación. Establécese un único premio de 3.000 euros que se entregará nun acto en Chantada no mes de novembro. A obra gañadora será publicada.

O presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Pallares, Carlos Vázquez, sinalou na presentación a relevancia do certame, ao que “nos últimos anos se presentan traballos de persoas investigadoras non só do ámbito territorial do Condado de Pallares, senón tamén do resto de Galicia”. Tamén trasladou o seu agradecemento ás administracións e entidades colaboradoras - a Vicepresidencia da Deputación, Dirección Xeral de Política Linguística da Xunta de Galiza, os concellos de Guntín, Taboada e Chantada, os GDR Miño Ulla e Comarca de Lugo e a Caixa Rural Galega.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, valorou “o traballo e a constancia da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares na organización deste certame, que visibiliza e da valor á investigación e á produción de coñecemento no ámbito das humanidades e das ciencias sociais cunha importante dotación económica e coa publicación dos estudos premiados”

Ademais, animou “a todas as persoas investigadoras que teñan traballos relacionados co ámbito territorial a participar no certame e ofreceu os fondos dos museos de Rede Museística para afondar no seu coñecemento”.

Na presentación, no claustro do Museo de Lugo, a xefa de coordinación cultural da Xunta en Lugo Ana Mera ,a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, o alcalde de Chantada, Manuel Varela, Lorena López, xerente do GDR Comarca de Lugo e Javier Rodríguez , xerente do GDR Miño Ulla.

0.20424604415894