Aberta a inscrición no Programa para Deixar de Fumar que ofrece a Unidade de Tabaquismo da USC
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC abre ao longo deste mes de outubro o prazo para inscribirse no Programa para Deixar de Fumar que, dende 2020, desenvólvese en liña a través de videochamadas e co apoio dunha App desenvolvida polo seu equipo investigador. “O programa consiste nun tratamento psicolóxico cun alto nivel de eficacia”, explica Elisardo Becoña, director asistencial da Unidade e catedrático de Psicoloxía clínica da USC. “Ata o de agora, a satisfacción das persoas fumadoras coa App e o programa é moi alta”, engade.
A introdución desta nova aplicación para dispositivos móbiles incrementou o éxito do tratamento xa que o seu uso “facilita deixar de fumar e previr a recaída ao longo do tempo, unha vez que a persoa está abstinente”, indica o profesor Becoña. Os últimos datos dispoñibles sinalan unha porcentaxe de abstinencia do 70% ao finalizar o tratamento.
Os primeiros resultados sobre a eficacia obtidos co devandito programa están a presentarse en distintos congresos internacionais, como sucedeu recentemente no Congreso Europeo de Terapia de Conduta. A combinación desta App xunto co Programa para Deixar de Fumar fai deste tratamento “algo novo, facilitando que a persoa se atope acompañada durante todo o proceso de abandono, combinando as sesións co terapeuta xunto a un recurso ao que pode acudir en calquera momento do día e todos os días do ano”, engade.
O programa para deixar de fumar é gratuíto, consta de oito sesións, que se desenvolven en grupo e en liña, unha vez á semana e cunha hora de duración. A vantaxe do formato en liña é que permite ás persoas fumadoras deixar de fumar dende a casa dunha maneira cómoda e sinxela. Pode obterse información máis detallada sobre o programa no teléfono 881 81 39 39 ou nos enderezos electrónicos elisardo.becona@usc.es ou ana.lopez@usc.es