Abertas as inscricións para a segunda edición do curso 'Tempo de Arte. Obras de Museo'

LugoXa
O curso, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo, estará a cargo das investigadoras e profesoras de Historia Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro
curso-Tiempo-de-Arte.-Obras-de-Museo-Lugo
14 Mar 2025

Abertas as inscricións para a segunda edición do curso 'Tempo de Arte. Obras de Museo', con conferencias sobre diversas pezas do Museo Provincial de Lugo, organizado polo Grupo de Investigación Iacobus da USC.

O Museo Provincial de Lugo será o escenario desta actividade que fomenta a investigación sobre as coleccións do museo os próximos 20 e 21 de marzo.

O curso, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo, estará a cargo das investigadoras e profesoras de Historia Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro, xunto coa directora do Museo, Aurelia Balseiro.

Así, incluirá un programa de conferencias nas que os membros do grupo de investigación analizarán diversas obras das coleccións e fondos do Museo Provincial de Lugo.

Tamén se abordarán temas como a escultura San Francisco de Asís de Asorey, os cadros Samos de Leopoldo Nóvoa, Ambiente de Paz de María Corredoira, e Paisaxe con castaño e asno e gaivotas de Castelao, o cartel O Cebreiro de Camilo Díaz Baliño, os sartegos de Salgado Gundín, e elementos arquitectónicos como o capitel angular da Catedral de Lugo. As conferencias, que se levarán a cabo no refectorio do Museo, completarase cunha visita ás pezas.

As persoas interesadas en participar nas xornadas, que son gratuítas, deben inscribirse a través do código QR do cartel do curso ou enviando un correo electrónico a monograficosiacobuslugo@gmail.com. Ofrécense 60 prazas.

Esta actividade forma parte do ciclo de Monográficos Iacobus, promovido polo Grupo de Investigación Iacobus, que ten como obxectivo contribuír á difusión de pezas destacadas dos museos galegos.

⚙ Configurar cookies
0.26257109642029