Aberto o prazo de inscrición para a mocidade emprendedora da USC de Lugo no programa Explorer
Emprendedores universitarios entre 18 e 31 anos xa se poden inscribir ata o 9 de decembro de 2021, a través da plataforma Santander X, na nova edición do programa Explorer, unha iniciativa que brinda formación e mentoring a estudantes e investigadores da USC, nos campus de Lugo e Santiago, interesados en validar as ideas de negocio.
A XIII edición do Explorer, un programa de impulso ao talento mozo promovida polo Banco Santander e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) en colaboración local coa USC e a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, desenvolverase en formato dixital a partir de xaneiro de 2022.
A estrutura deste programa abrangue 12 semanas, un período durante o que a mocidade emprendedora inscrita terá a oportunidade de conectar cunha comunidade internacional de emprendedores, validar a súa idea de negocio e desenvolver as habilidades necesarias (liderado, traballo en equipo ou habilidades de comunicación) para transformala nunha solución viable e sostible.
O programa Explorer, ao que nesta convocatoria se incorporan países como Brasil e Portugal, logo de afianzarse con éxito en España e Arxentina e tras espallar tamén a súa pegada a Chile e México, reforza nesta edición a súa aposta polo formato dixital. Este modelo integra elementos complementarios de formación, recursos e charlas en liña e eventos presenciais nos Explorer Spaces de que dispón a USC en Lugo e Santiago. A mocidade participante desenvolverá as súas ideas de forma colaborativa nestes centros de coworking de alto rendemento, nos que tamén se favorece a conexión con outros emprendedores, ao tempo que se ofrece asesoramento personalizado e monitorización.
Os Explorer Space da USC están localizados no edificio Emprendia de Santiago, un enclave considerado núcleo da transferencia de coñecemento, innovación e emprendemento do Campus Vida, e na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. As dúas ubicacións contan con espazos coworking e ferramentas para a incubación e a formación, tanto presencial como virtual.
As actividades dos Explorer Space habilitados na USC intégranse no programa que se xestiona dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). Todas as persoas interesadas en desenvolver a súa idea de negocio e optar ós premios, deberán presentar a súa candidatura (solos ou en equipo) a través da plataforma de emprendemento Santander X ou ben anotarse no USCSantiagoSpace ou USCLugoSpace.
Os proxectos premiados no Explorer Space da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo contarán tamén coa dispoñibilidade dun espazo de incubación para o seu proxecto na Fundación CEL, que colaboran activamente na difusión e desenvolvemento do programa entre o seu tecido empresarial.