Aberto o prazo de inscrición para a oferta formativa dos Espazos Cultura da USC en Lugo

LugoXa
A área de Cultura da USC mantén aberta a inscrición para os obradoiros, cursos e demais propostas do primeiro cuadrimestre do curso 2022-23
Espazoscultura portada
26 sep 2022

A área de Cultura da USC mantén aberta a inscrición para os obradoiros, cursos e demais propostas promovidas ao longo do primeiro cuadrimestre do curso 2022-23. As sesións formativas botarán a andar a partir do venres 30 de setembro e as persoas interesadas en participar nesta programación poden consultar xa en liña a información detallada de cada actividade ou realizar a inscrición a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es.

Os talleres Videocreación, arte, experiencias e cintas de vídeo, impartido por Carmen PG Granxeiro, e A túa cámara, o caderno de notas para crear a través da imaxe, dirixido por Adra Pallón, abren este venres, a partir das 17.00 horas, na sala de prensa da Vicerreitoría de Lugo e na Casa do Saber, respectivamente, a programación dos Espazos Cultura da USC. Estes cursos, estruturados en 25 horas, están aberto a público universitario e non universitario.

A proposta formativa deseñada por Carmen PG Granxeiro pretende un achegamento ao mundo da videoarte a través do coñecemento das súas orixes e influencias, ademais do visión dalgunhas das creacións máis representativas. Este período de aprendizaxe resultará de proveito para as persoas que logo decidan completar o curso de guión que impartirá Pepe Coira no marco do Espazo de Cine da USC.

A actividade impartida polo fotógrafo lugués Adra Pallón ten como obxectivo que o alumnado asimile a técnica e a linguaxe fotográfica como canle e ferramentas de expresión. Este taller de iniciación á fotografía rematará o 18 de novembro e os participantes poderán continuar a súa formación neste ámbito a través da súa incorporación nun grupo fotográfico, tamén coordinado por Adra Pallón, quen ampliará os seus coñecementos cun programa específico estruturado en 50 horas, das que 14 serán de carácter práctico.

A actividade teatral tamén será protagonista na sede universitaria luguesa a partir do 3 de outubro, cando Andrea González García comezará a impartir un taller de iniciación ao teatro. Este módulo, orientado a todas as persoas interesadas na interpretación, está organizado en 40 horas, que se impartirán todos os luns e mércores lectivos ata 14 de decembro na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria. O alumnado do programa de formación de maiores IV Ciclo da USC tamén poderá achegarse ao mundo da escena a través do taller de interpretación que tamén impartirá Andrea González García na Casa do Saber. Neste caso, as 62 horas de clase previstas entre o 3 de outubro e o 29 de maio de 2023, desenvolveranse en quenda de mañá, de 11.30 a 13.30 horas, na Casa do Saber.

O Espazo de Danza da USC tamén botará a andar a súa programación de actividades a mediado do mes de outubro, cando comezarán as clases dos cursos de danza contemporánea, danza creativa, danza tradicional galega e un módulo de ioga danza. Rosa Acuña será a encargada de impartir estes obradoiros, a través dos que, entre outros obxectivos. se pretende transmitir ao público participante coñecementos elementais sobre a danza, ademais de afondar na coordinación entre movemento e música. Alén da súa dimensión formativa, o Espazo de Danza da USC, que coordina Juan Carlos Zahera, tamén ofrece a posibilidade de incorporarse á Compañía de Danza da USC, que conta con formacións en Lugo e Compostela.

As persoas interesadas en tomar parte en calquera das actividades programadas na sede universitaria luguesa no marco dos Espazos Cultura USC poden formalizar a súa inscrición ou solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . O estudantado universitario que tome parte en calquera destas actividades poderán solicitar o recoñecemento de créditos ECTS.

Espazoscultura
0.1472020149231