Aberto o prazo de inscrición para as actividades das reservas da biosfera

TerraChaXa | LugoXa
A Deputación de Lugo abre o prazo para as actividades gratuitas das reservas da biosfera para o segundo trimestre do ano
Curso reservas biosfera
30 Mar 2023

A Deputación de Lugo abrehoxe o prazo de inscrición para participar no novo programa de actividades gratuítas que organiza para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial.

O calendario inclúe unha vintena de propostas, con máis de 300 prazas para todos os públicos, que se desenvolverán no segundo trimestre do ano, dende o 3 de abril ao 30 de xuño.

As persoas interesadas deberán anotarse a través das canles dispoñibles. No caso de Terras do Miño, poden apuntarse a través desta web e as persoas que desexen participar no programa dos Ancares Lucenses, poden anotarse a través do correo ancareslucenses@deputacionlugo.org e dos teléfonos 982 227 812 e 982 227 813.

Terras do Miño

A primeira actividade na Reserva de Terras do Miño celebrarase os días 3, 4, 5 e 10 de abril, e está pensada para os nenos e nenas de 6 a 12 anos. Naturalmente ao pé do río conta con 20 prazas e está prevista en horario de mañá: de 10 a 14 horas. Do día 11 ao 14 de abril está programada o Cultivo de flores de primavera e verán e técnicas básicas de secado de flores con 15 prazas para adultos. Esta actividade desenvolverase en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas.

Tamén en abril, do día 25 ao 28, haberá outra actividade no Centro de Interpretación Terras do Miño pensada para os adultos: Obradoiro de Cestaría. Son 15 prazas e poderase desfrutar en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Xa en maio, do 2 ao 4, os adultos poderán aprender sobre Eclosión da natureza nas tarefas agrícolas: Traballos de primavera para optimizar as producións hortícolas, unha acción que se celebrará no Centro de Interpretación Terras do Miño de 10.00 a 14.00 horas. Haberá 15 prazas dispoñibles para as persoas interesadas.

Do 8 ao 12 de maio, realizarase a actividade Mobiliario para exteriores, en horario de mañá: de 10.00 a 14.00 horas. Esta actividade está pensada para os adultos e conta con 12 prazas. Coincidindo co Día Mundial das Aves Migratorias, o 13 e 14 de maio, este programa inclúe unha actividade na Lagoa de Cospeito para adultos. O horario é de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Iniciación á encadernación xaponesa é o título da actividade que se levará a cabo o 16, 18, 23 e 25 de maio no Centro de Interpretación Terras do Miño. Está destinada aos adultos e terá lugar en horario de tarde, entre as 16.30 e as 19.30 horas. As prazas para esta proposta son 8.

No mes de xuño, coincidindo co Día da Bicicleta en Familia, o día 3, proponse unha actividade de 40 prazas para familias entre as 11.00 e as 13.30 horas e o día 5 dese mes os Xardíns da Deputación acollerán un concerto didáctico sobre sons da natureza. Esta actividade, que se celebrará as 18.00 horas ten un aforo de 25 prazas.

En xuño celébrase o día do Medio Ambiente e, con ese motivo, entre o 6 e o 10, está prevista unha actividade conmemorativa. Os primeiros días, terá lugar de 17.00 a 20.00 horas nos Xardíns da Deputación e o día 10, das 10.00 ás 14.00 horas, o Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá a iniciativa. Hai 15 prazas para os nenos e nenas que desexen participar.

Coñecer a contorna do Centro de Interpretación Terras do Miño é o obxectivo das últimas tres actividades do programa. Por unha banda, do 6 ao 8 de xuño abriranse 25 prazas para familias que desexen realizar unha ruta de 16.00 a 20.00 horas.

Do 19 ao 23 de xuño, seguindo coas actividades na natureza realizarase un taller de ioga aberto con 15 prazas para adultos, de 11.00 a 13.00 horas. Por último, 20 nenos e nenas poden participar en Xogando a coñecer a contorna de Terras do Miño. Esta proposta está organizada do 26 ao 30 de xuño en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Os Ancares Lucenses

Será o 15 de abril cando arranque o programa de actividades dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A primeira iniciativa será unha formación de apicultura ecolóxica os días 15 e 16 de abril para adultos na Casa Quindós, en Navia de Suarna. Conta con 15 prazas e celébrase o sábado en quenda de mañá e tarde e domingo en horario matinal.

A seguinte iniciativa, con 25 prazas, será a ruta A natureza na Vía Künig (tramo 03), unha proposta para familias que partirá da Casa do Concello de Becerreá. O 27 de maio realizarase, na antiga escola do Piornedo, en Cervantes, a actividade familiar Xeoloxía nos Ancares en horario de mañá e tarde. Esta proposta conta con 25 prazas.

Por último, e enfocado a nenos, levarase a cabo un Curso de Orientación na montaña, para o alumnado do CPI Cervantes o día 5 de xuño, e o Campamento científico do 26 ao 30 de xuño para nenos e nenas de 6 a 12 anos. A primeira actividade coincide co Día Mundial do Medio Ambiente e a segunda será no Centro Social de Becerreá e conta con 15 prazas. En ambos casos, desenvolveranse en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

0.19636297225952