Aberto o prazo de inscrición para as actividades de formación específica do Campus Terra
O Campus de Especialización Campus Terra da sede universitaria luguesa pon en marcha un programa de accións formativas gratuítas estruturado en diversos cursos de temáticas específicas que se desenvolverán ao longo do último cuadrimestre do ano. As prazas ofertadas en cada un dos módulos específicos programados son limitadas e a inscrición xa está aberta en liña.
O obxectivo destas actividades formativas é fomentar e complementar a formación continua do persoal docente e investigador do Campus de Lugo, potenciar a transversabilidade de coñecementos entre o alumnado de graos e mestrados e mellorar
a capacitación de profesionais vinculados ás áreas de coñecemento do Campus Terra. As diversas convocatorias van dirixidas principalmente á comunidade universitaria do campus lucense, pero tamén están aberta a todos os membros da USC cuxa actividade teña ligazóns cos eixos científicos do Campus Terra, así como aos axentes produtivos e mesmo ao persoal do tecido empresarial.
A grella de accións formativas especializadas do Campus Terra inclúe máis dunha ducia de cursos específicos para os meses de setembro, outubro e novembro. Así, a Granxa Gayoso-Castro acollerá a finais de outubro o curso Novas alternativas forraxeiras para gando vacún de leite. Un ciclo de relatorios sobre oportunidades e financiación da carreira investigadora e unha xornada sobre convocatorias da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España darán continuidade este outono ao plan de formación do Campus Terra.
O abano de propostas incluídas no catálogo formativo promovido polo Campus Terra para este ano inclúe cursos de introdución ao manexo de drons, edicións de documentos e presentacións de LaTex, xestión de tarefas e de tempo ou de manexo avanzado de follas de cálculo.
Estes cursos tamén están abertos á participación de alumnado de grao e mestrado, así como do PDI, que tamén poderá ampliar coñecementos en cursos de configuración e administración de redes, introdución ao sistema operativo Linux, introdución avanzada no emprego de QGis, Power-Bl análise de datos e business intelligence.
Os programas previstos abarcan outros ámbitos temáticos específicos, tales como poden ser a situación actual do sector UAS e da súa normativa, certificacións e aplicacións, análise de eficiencia e produtividade en explotacións agropecuarias, xestión económico-financeira de explotacións de leite ou tendencias actuais na educación no medio natural e rural.
O prazo de inscrición en calquera das accións incluídas no programa de formación do Campus Terra xa permanece aberto, polo que as persoas interesadas poden realizar xa a súa matrícula de balde a través do formulario habilitado en liña. As prazas ofertadas en cada para cada unha das propostas formativas están limitadas e o proceso de admisión dará prioridade ás persoas ligadas ao Campus Terra.
Ademais, de xeito parello ao desenvolvemento destes cursos, os centros aliñados do Campus de Especialización Campus Terra tamén acollerán distintos relatorios e sesións expositivas dirixidas especialmente a investigadores predoutorais e postdoutorais, cuxa temática estará enfocada ao financiamento de proxectos de investigación e a elaboración de propostas científicas.
Os membros da comunidade universitaria do Campus Terra, en particular, e da USC, nun contexto máis amplo, poden tamén obter máis información respecto desta oferta de formación a través dos números de teléfono 982822854/22860 ou tamén no enderezo de correo electrónico campus.terra@usc.es.