Aberto o prazo de inscrición para o curso TELCO para traballar en altura

LugoXa
Abierto el plazo de inscripción para el curso homologado de TELCO para trabajar en altura organizado por el Ayuntamiento de Lugo.
2Cartel Curso TELCO
21 Mar 2022

Hoxe arrinca o prazo de inscrición do curso con homologación TELCO para traballar en altura, espazos confinados ou con risco eléctrico que organiza o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo.

A actividade, inclúese dentro da oferta formativa deseñada pola área de Xuventude ao abeiro do programa +Xti que subvenciona o Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.

Con esta iniciativa preténdese achegar á mocidade lucense unha opción formativa que goza xa dos novos estándares no que ten que ver coa seguridade das e dos traballadores dentro do sector das telecomunicacións. Un ámbito con demanda actual de persoal cualificado e no que moitos rapaces e rapazas poden atopar unha profesión estable.

O curso, que é totalmente gratuíto e se desenvolverá entre o 4 e o 8 de abril, terá unha duración de 18 horas e comprenderá contidos teóricos e prácticos en cada un dos tres módulos (altura/ espazos confinados/ risco eléctrico), de maneira que as 15 prazas dispoñibles se dividirán logo en varios subgrupos de 5 participantes cada un á hora de realizar cunha atención máis individualizada os exercicios.

A iniciativa forma parte da estratexia para habilitar toda unha programación de tipo preventivo, nos ámbitos familiar e educativo, pero tamén de ocio alternativo e, por suposto, cun compoñente didáctico. Unha perspectiva moi ampla na que se tivo en conta a dimensión social, laboral, médica e psicolóxica da mocidade lucense en función do contexto actual. De forma que, dende este servizo, xeran opcións de entretemento que substitúen outras condutas nocivas e contraproducentes entre a rapazada, e artellan toda unha liña de actividades que poden chegar a transformarse nunha saída laboral.

As persoas interesadas en realizar este curso TELCO, que é de balde, poderán anotarse a través da páxina www.lugomasxti.org dende hoxe e até o 25 de marzo, co requisito de ter entre 18 e 35 anos, atoparse en situación de desemprego e estar empadroados no Concello de Lugo. A selección farase por rigorosa orde de inscrición.

Para obter maior información poden consultar ou poñerse en contacto co Servizo de Prevención de Drogodependencias, na 3ª planta do Centro Social Uxío Novoneyra ou chamando ao teléfono 982 297 837.

0.083614110946655