Aberto o prazo de inscrición para o novo obradoiro de agricultura rexenerativa no Lugar de Reque
O Espazo Permacultural Lugar de Reque, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo na contorna do centro de cestería, no paseo do río Rato, en Lugo, acollerá un obradoiro de agricultura rexenerativa os vindeiros 7 e 8 de maio.
Compartiranse nocións básicas sobre a planificación e deseño de parcelas, procurando o uso eficiente e rexenerativo do solo na produción de alimentos, e a elaboración de biofertilizantes e abonos como o bocashi, que se obtén da descomposición de residuos vexetais e animais a partir da acción de diferentes microorganismos. As persoas participantes poderán familiarizarse con estes coñecementos de forma práctica, no entorno do Lugar de Reque e na finca de práctica de San Fiz da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.
Na presentación da actividade, na que particpiparon a subdirectora de Prácticas Externas e Orientación Laboral da EPS, Rosa Romero, e polo coordinador do Grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Santiago Lamosa, o deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “con este obradoiro centrado na aplicación da permacultura ao manexo de terras seguimos afondando na divulgación de prácticas orientadas á sostibilidade e buscamos tamén abrir unha liña de colaboración co Campus Terra para achegar o proxecto que se está a desenvolver en Reque ao profesorado e ao estudantado”.
O obradoiro diríxese preferentemente a persoas dedicadas á agricultura ou á permacultura e, máis en xeral, a persoas interesadas neste tipo de coñecementos, e desenvolverase en xornada de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 e de 15:30 a 20.00 horas.
Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do correo lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo para anotarse estará aberto deste este venres 29 de abril ao 5 de maio. Ofrécense 12 prazas e a selección de participantes farase por orde de recepción de solicitudes, tendo en conta o perfil do público obxectivo.
Esta acción formativa forma parte da programación organizada para desenvolver ao longo do ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, que inclúe un amplo abano de actividades ligadas á permacultura e á sostibilidade. Así, durante as últimas semanas realizáronse obradoiros de poda, cosmética natural, consumo responsable ou bioconstrución e aproveitamento enerxético.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo avanza así no proxecto de revitalización da finca de Reque, para converter este lugar nun espazo de referencia para a divulgación, a formación e o intercambio de experiencias baseadas na permacultura ao tempo que se transforma fisicamente o terreo e o edificio do taller de cestería.