Aberto o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais de Lugo

Abre o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais xestionadas polo Concello de Lugo. Buide afirmou que a Concellería de Educación avanza no proceso tendo xa todo listo para abrir a matrícula de cara ao vindeiro curso.
O Taboleiro de Anuncios das distintas escolas ten xa publicada a listaxe definitiva, e o prazo manterase aberto ata o vinderiro 20 de xuño. A matrícula faise directamente indo ás escolas infantís e levando a documentación requerida.
No caso de producirse renuncias de prazas, as prazas vacantes nas escolas ocuparanse coas solicitantes que figuren na lista de agarda única para as catro escolas, elaborada por idades e sempre de acordo coa puntuación obtida no procedemento.
Buide explicou que o Concello realiza un investimento anual superior a 1.5 millóns de euros para o mantemento das escolas, "desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo para cumprir cunha competencia, a educación infantil de 0 a 3 anos, que é da Xunta de Galicia", e engadiu "seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas".