Aberto o prazo de solicitude para os comedores escolares e o servizo de madrugadoras en Lugo

Xa está aberto o prazo para solicitar praza nos comedores escolares dos centros públicos de Lugo. As inscricións para usuarios fixos poderán realizarse ata o 31 de agosto, mentres que no caso de usuarios esporádicos será posible ata as 20:00 horas do día lectivo anterior.
O prezo establecido para os usuarios fixos é de 3,96 euros por día, podendo escoller días soltos da semana ou os cinco días completos. Pola súa banda, os usuarios esporádicos aboarán 5,06 euros por día. O servizo de madrugadoras e madrugadores, que facilita a entrada nos centros a partir das 7:30 horas en diferentes quendas, ten un custo único de 1,98 euros ao día.
Unha vez pechado o prazo, no caso de que as solicitudes superen a capacidade total dos comedores, aplicarase un baremo de acceso con preferencia para quen solicite praza fixa cinco días á semana, seguido de familias nas que ambos proxenitores traballen en horario de comedor, familias monoparentais, irmáns e, por último, sorteo.
As solicitudes que non obteñan praza quedarán en lista de agarda para cubrir as vacantes que se produzan, sempre seguindo os criterios de prioridade. Ademais, durante o curso quedará aberta a inscrición mensual, en función das prazas dispoñibles.
A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, destacou que o servizo funcionará en todos os centros desde o primeiro día de curso e lembrou que “desde a nosa chegada ao goberno conseguimos que todos os centros públicos de Lugo conten con servizo de madrugadoras e madrugadores, unha prestación necesaria para moitas familias debido ás súas xornadas laborais”.
VALORACIÓN DO PP
Dende o Grupo Municipal Popular valoramos que se abra o prazo para solicitar praza nos comedores escolares dos centros públicos de Lugo, xa que se trata dun servizo fundamental para a conciliación das familias e para a igualdade de oportunidades do alumnado.
Porén, o edil popular, Javier Vázquez, puxo de manifesto que “a estas alturas haxa dous colexios da cidade —Fingoi II e Quiroga Ballesteros— que seguen sen contar con comedor escolar e que o goberno local non ten previsión de cando podería comezar a prestar o servizo. O concelleiro do PP lamentou que a poucas semanas de iniciar o curso, as familias destes centros teñen máis dúbidas que certezas.
No Partido Popular seguiremos insistindo con rigor e en positivo, defendendo que todo o alumnado de Lugo teña os mesmos dereitos, con independencia do colexio ao que acudan.