Aberto o prazo para concorrer ás Axudas á Creación e aos Proxectos de Agrupacións Teatrais e de Danza da USC

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) abriu o prazo para concorrer ás Axudas á Creación e aos Proxectos de Agrupacións Teatrais e de Danza para o curso académico 2024-2025.
Estas axudas, impulsadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, están dirixidas a todas as agrupacións rexistradas no Rexistro de Compañías de danza e teatro da Área de Cultura que desenvolvan proxectos escénicos dentro da comunidade universitaria.
Este ano, a USC destina unha dotación de 7.000 euros para financiar iniciativas teatrais e de danza, que inclúen non só representacións tradicionais, senón tamén propostas innovadoras como performances, accións ou espectáculos híbridos, así como a creación de novas obras literarias e colaboracións colectivas.
As solicitudes poden presentarse ata o próximo 17 de febreiro, a través do Rexistro da sede electrónica da USC, indicando o asunto "Convocatoria de Axudas á Creación e aos Proxectos de Agrupacións Teatrais e de Danza".
AVALIACIÓN DE PROXECTOS
Os proxectos serán avaliados pola Comisión de Actividades Culturais e Deportivas do Consello de Goberno da USC, que se encargará de estudar cada proposta e elaborar un informe que será elevado á Vicerreitora de Estudantes e Cultura.
Os criterios para a selección dos proxectos inclúen estar correctamente rexistrada a compañía, presentar a documentación requirida, e que o proxecto estea ben definido, cunha exposición clara e coherente. Tamén se valorará positivamente a inclusión de documentación gráfica sobre o espazo escénico, vestiario e iluminación, así como un orzamento detallado e axustado á proposta.
Ademais, destacarase que a dirección do proxecto estea a cargo dun membro da comunidade universitaria e que a totalidade dos integrantes da compañía pertenzan á USC.
Esta convocatoria representa unha oportunidade única para todas as agrupacións teatrais e de danza da USC para recibir apoio financeiro e visibilidade para os seus proxectos creativos.