Abordan en Palas de Rei a reforma do centro de saúde municipal

LugoXa
O obxectivo da actuación que se quere promover é a substitución da cuberta
reunion-conselleiro-de-sanidade-alcalde-de-palas
18 Jan 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, reuníronse no Edificio Administrativo de San Lázaro, para abordar a reforma do centro de saúde deste concello, que é de titularidade municipal.

Na reunión tamén participaron a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.

A reforma que se pretende levar a cabo é a substitución da cuberta do centro de saúde. Para iso, a Consellería de Sanidade e o Concello avanzarán no desenvolvemento do correspondente convenio de colaboración.

Neste centro sanitario realizáronse no ano 2021 diversas obras de mellora (instalación de grupo electróxeno, corrección de humidades, adecuación de espazos, etc.) por un importe de 40.000 euros, sufragados a partes iguais entre a administración autonómica e local.

No que se refire a equipamento, no ano 2021 a Xunta dotou o centro de dous electrocardiógrafos, dous desfibriladores e un holter. Ademais, no pasado ano, o Executivo galego instalou unha nova sala de Raios X, un sistema de monitorización e unha padiola de transporte. Todo este equipamento supuxo un investimento do Goberno galego de preto de 35.000 euros.

0.072075128555298