Abraham Pérez presenta en Lugo o seu novo libro de relatos 'A vida a arder'

O escritor lugués Abraham Pérez presentará o xoves 20 de novembro a súa nova publicación, A vida a arder, nun encontro que se celebrará ás 19.30 horas na libraría La Voz de La Verdad. O acto contará coa participación do tamén autor Xerardo Quintiá, que acompañará a Pérez na conversa arredor deste volume de relatos.
A vida a arder reúne unha serie de historias que exploran as feridas, dúbidas e contradicións que atravesan a vida cotiá. Entre elas, a dun mozo que dá o paso de convivir coa súa parella, a dun home divorciado que afronta unha nova xornada laboral, a dunha rapaza que regresa á casa dos pais tras perder o emprego, a dunha carta enviada desde Seúl dúas décadas máis tarde ou a dunha persoa excarcerada que retorna ao fogar, ademais da de dous amigos que comparten un concerto.
A través destes relatos, Abraham Pérez mergúllase en temas como a clase social, a masculinidade, o desexo, as relacións interpersoais ou a maneira de habitar un tempo marcado pola incerteza. Con unha escrita directa mais atravesada de lirismo e reflexión íntima, o autor retrata vidas urbanas condicionadas pola Gran Recesión e por unha sensación de precariedade que se manifesta tanto no ámbito laboral como no emocional.
O resultado é un libro intenso e preciso, cunha enerxía que o propio Pérez describe como próxima á dun disco de rock literario, pola forza, a crudeza e a emoción contida que percorren cada unha das súas páxinas.