Abre o domingo a inscrición na Ruta Trotamontes de Pol, que se celebrará o 19 de abril

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Os promotores agardan reunir a 250 quads, motos e ATV procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades como Asturias, León e Madrid
ruta-trotamontes-de-pol
18 Mar 2025

A Xunta colabora coa Ruta Trotamontes de Pol, que celebrará a súa décimo sexta edición o sábado 19 de abril. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, presentou esta cita deportiva xunto ao presidente do club organizador, Izan de Andrés, e a deputada autonómica Nicole Grueira.

Os promotores agardan reunir a 250 quads, motos e ATV procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades como Asturias, León e Madrid. Os interesados en participar poderán formalizar as súas inscricións dende o vindeiro domingo 23 de marzo ás 19.00 horas a través do enlace que se publicará nas redes sociais do club Trotamontes ou no correo electrónico trotamontespol1@gmail.com.

O día da ruta, as actividades comezarán ás 7.30 horas coa recollida de dorsais e ás 9.00 horas comezará un percorrido de arredor de 100 quilómetros por camiños e pistas forestais de Pol, Ribeira de Piquín, Castroverde e Baleira, que se prolongará ata as 19.00 horas. Os participantes poderán desfrutar ademais dun xantar e dunha cea de confraternidade e haberá animación musical a cargo da discoteca móbil Hermo.

Javier Arias destacou o apoio do Goberno autonómico a este evento “que ten demostrado nestes dezaseis anos o seu enorme poder de convocatoria” e que “máis alá dunha cita deportiva actúa como reclamo turístico e contribúe á dinamización económica e social de Pol e dos concellos veciños”.

⚙ Configurar cookies
0.12768793106079