Abre a inscrición para as actividades de animación cultural no Concello de Lugo

LugoXa
Ofretan 1.670 prazas nunha trintena de actividades que poderán solicitarse ata o luns 23
ximnasia-maiores
18 sep 2024

Co comezo do novo curso o Concello abre a programación de actividades de animación sociocultural que desenvolverá nos centros de convivencia municipal coa posta a disposición das e dos lucenses dunhas 1.670 prazas, cun lixeiro incremento respecto ao ano pasado. Así o explicou a edil de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, quen, acompañada da xefa da sección de Animación Sociocultural do Concello, presentou a programación que “para este ano ofrece unha trintena de actividades en máis centros de convivencia municipais, xa que se pasa de sete a dez, co obxectivo de chegar a un maior número de lucenses e de fomentar así a vida comunitaria nos nosos barrios”.

Co respecto ás actividades, López Racamonde comenta que “desde hoxe ata o vindeiro luns, día 23, está aberto o prazo de inscrición nunha programación, na que se mantiveron cursos de éxito e gran tirón como os de envellecemento activo e as propostas interxeracionais, con actividades físicas, cursos para exercitar a memoria ou achegarse en diferentes niveis ás novas tecnoloxías, pero tamén programamos outros dirixidos á poboación en xeral, a nenas e nenos e aos inmigrantes, a fin de facilitarlles a súa integración a través da lingua e da cociña”.

Tamén resérvanse un 20 por cento para persoas con capacidades diferentes e outros colectivos, segundo o criterio profesional da técnica ou técnico responsable de Animación Sociocultural e través da derivación da profesional dos servizos sociais municipais comunitarios que corresponda.

Respecto á convocatoria que comezará a desenvolverse o 28 de outubro explica que “volve con novas propostas de ocio, mantendo actividades de moita participación como os obradoiros para activar a memoria, os cursos relacionados coa creatividade, os de formación en novas tecnoloxías e os de actividades psicofísicas, moi dirixidos aos maiores de 60 anos. Tamén incorporamos novas propostas e apostamos pola actividade interxeracional, coas que queremos favorecer a socialización da veciñanza e a dinamización dos nosos barrios, ao tempo que damos resposta as demandas da cidadanía con clases e actividades, ben gratuítas ou con cotas simbólicas”.

A responsable de Benestar Social e Maiores sinalou que “para deseñar este programa o equipo de traballadoras e traballadores desta concellería tivo en conta as peticións e demandas da cidadanía e as novas actividades en alza, para ofertar unha proposta de ocio saudable e atractiva”. Por iso, e de cara ás matrículas para este curso, a alcaldesa comentou que “agardamos un incremento no número de matrículas, un crecemento aínda maior na satisfacción das e dos usuarios, a máis diversidade no seu público. Deste xeito manteremos o noso compromiso para coa veciñanza de Lugo para que poida gozar dunha vida activa, plena e saudable”.

Actividades e prazos de matrícula

A programación para este curso oferta trinta actividades, dende a prevención da fraxilidade tendo en conta a saúde física e mental, con bioximnasia, ximnasia de mantemento e obradoiros de memoria, así como outras de manexo das novas tecnoloxías, competencias dixitais ou a mellora da creatividade, a través de clases de pintura ou de traballos manuais, por citar algunhas. Tamén incorpora novas propostas como cestería, horta e xardín de balcón, curso de voluntariado, baile galego, encadernación, visitas pola cidade ou obradoiro de radio.

Xunto ás máis solicitadas e as novas propostas de ocio, a programación deste ano imparten outras actividades que están gañando peso nos últimos anos como as clases máis relacionadas co desenvolvemento da creatividade e as artes, tales como pintura, traballos manuais ou decoración de madeira e tamén aquelas relacionas coa gastronomía e a saúde como os cursos de alimentación saudable e o dedicado a cociña multicultural. Ademais, ás actividades físicas xa mencionadas se unen outras propostas para aprender bailes de salón, bailes tradicionais e novos ritmos e danzas.

Os nenos e nenas poderán optar un ano máis a clases de apoio escolar en varios niveis e tamén reforzo de linguas estranxeiras, mentres que un ano máis tamén se ofertarán clases en distintos centros dirixidas aos inmigrantes, para favorecer a súa integración a través da lingua e da cociña.

Os cursos e obradoiros se desenvolverán en dez centros sociais, para o que se tivo en conta tanto a demanda como os espazos que precisa cada actividade. Así, a programación terá lugar nos centros cívicos municipais de Milagrosa, Uxío Novoneyra, Sagrado Corazón, Maruja Mallo, María Balteira, Fingoi, Lamas de Prado, Paco Martín, Díaz Castro e Leiras Pulpeiro. Estes tres últimos locais de convivencia se incorporan este ano aos sete que xa prestaban servizo para albergar estas actividades, co obxectivo de chegar ao maior número de veciñas e veciños. Ademais, algúns obradoiros de informática impartiranse na aula de Novas Tecnoloxías.

As actividades se desenvolverán entre o 28 de outubro deste ano e o 30 de maio de 2025, pero dependendo do curso que sexa poderá durar entre un mes e oito, con propostas de entre 20 e 80 horas. O prazo de inscrición será o mesmo para todas as actividades e estará aberto desde hoxe martes ata o vindeiro luns, 23 de setembro. O sorteo entre todas as solicitudes de matrícula terá lugar o día 26 ás once da mañá, para despois publicar as listas provisionais de persoas admitidas, e o 14 de outubro, facer o propio coas definitivas.

Do total das 115 propostas de ocio ofertadas na programación deste ano, 36 son gratuítas e as de pago, ten cotas simbólicas. Toda a información sobre cursos, horarios, cotas e trámites para a inscrición se pode consultar na páxina web do Concello de Lugo.

0.15810322761536