Abre a inscrición para os programas de conciliación familiar en Outeiro

TerraChaXa | LugoXa
O Concello de Outeiro de Rei ten aberto nestas datas o prazo de solicitude para poder participar no Outeiro Madrugador e Outeiro Tardes.
madrugadores nenos xogando
17 Jun 2021

O Concello de Outeiro de Rei ten aberto nestas datas o prazo de solicitude para poder participar durante o curso escolar 2021/2022 nas iniciativas incluídas dentro do Programa Municipal de Conciliación Familiar e Apoio á Educación Outeiro Madrugador e Outeiro Tardes.

Estas iniciativas están dirixidas a nenos e nenas de ata 12 anos de idade, empadroados no Concello de Outeiro de Rei ou matriculados no CEIP Laverde Ruiz. Ambas pretenden axudar aos pais e nais que traballan ou que por outras razóns necesitan deixar aos seus fillos atendidos antes e ou despois da xornada lectiva.

Outeiro Madrugador funciona dende as 7:45 h ata a entrada dos nenos no colexio. A cota para poder beneficiarse deste servizo durante todo o curso escolar está establecida en 80 euros anuais.

Outeiro Tardes funciona en horario de 15:00 h a 20:00 h; a cota para participar nesta iniciativa é de 25 euros ao mes a aboar na primeira quincena do mes anterior (a excepción da cota de setembro que se paga en xuño).
Para ser usuario de calquera destas iniciativas é preciso realizar a inscrición e aboar as correspondentes cotas na biblioteca municipal de Outeiro de Rei en horario de 11:00 h a 14:00 h. O prazo permanecerá aberto durante todo o mes de xuño.

Este tipo de axudas á conciliación contan tamén co Outeiro Lúdico, un servizo de atención infantil para nenos de Outeiro de Rei con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos que ten por obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral nos períodos correspondentes ás vacacións escolares de Nadal, Semana Santa e verán estendéndose tamén aos días non lectivos existentes no calendario escolar do CEIP Laverde Ruíz. O horario de funcionamento deste servizo establécese de 7:45 h a 20:00 h (estes horarios poderán sufrir variacións en función da demanda que exista). A cota a aboar nesta actividade será de 120 euros anuais repartidos en 2 prazos. Na presente edición desta iniciativa, o primeiro pagamento realizouse no momento da inscrición (60 euros, 1ª quincena de novembro) e actualmente está aberto ata o día 22 deste mes o prazo de pago do 2º prazo (60 euros).

Está previsto que para o próximo curso 2021/2022 haxa unha variación na forma de pago desta iniciativa. O primeiro pago realizarase na primeira quincena de setembro, neste pagamento incluiranse os servizos que se prestan correspondentes ás vacacións escolares de Nadal, Entroido, Semana Santa e días non lectivos do CEIP Laverde Ruíz ; o importe a aboar será de 50 euros. O segundo pago realizarase ata o 01/06/2022 por importe de 70 euros e comprenderá os servizos correspondentes ao período dende o remate de curso escolar ao inicio do seguinte (excluíndo o mes de agosto).

Outeiro Lúdico funciona tamén en agosto cunha cota de 50 euros e horario de 7:45 h a 20:00 h.

Nas iniciativas Outeiro Lúdico, Outeiro Tardes e Outeiro Madrugador o Concello de Outeiro de Rei ofrece a posibilidade de utilizar estes servizos, sempre que exista praza, por días soltos; para este suposto a cota será de 6 €/día.

Igualmente, sempre que exista dispoñibilidade de praza, poderanse incorporar novos usuarios a calquera destas iniciativas fóra dos prazos de inscrición previstos; nestes casos será preciso aboar a cota establecida para a actividade a excepción da iniciativa Outeiro Tardes onde se pagará a mensualidade completa dende o primeiro mes de incorporación (con independencia da data na que se produza).

Para poder obter praza neste programa de conciliación, é preciso que os beneficiarios do mesmo estean empadroados no municipio ou matriculados no CEIP Laverde Ruíz; non obstante, o Concello de Outeiro de Rei estudará os casos particulares que se presenten e sempre que resulten debidamente acreditados poderán ser eximidos desta obriga (por exemplo, casos concretos de pais ou nais separados que teñan aos seus fillos e fillas durante o período vacacional non sendo Outeiro de Rei o municipio de residencia habitual dos menores pero si o do pai ou nai que está realizando a solicitude).

0.1671450138092