Abre a tempada de poxas de gando na Fonsagrada con pleno de poxas

Acruga abriu a súa tempada de poxas na Fonsagrada, con pleno de poxas e un prezo medio de 3.200 euros, moi por encima dos prezos de saída, fixados en 2.500 euros para cada unha das catro xatas preñadas, procedentes do rabaño de elite do centro de recría da granxa Gayoso Castro. Adxudicáronse as catro xatas por 3.500, cotización para a primeira e a segunda, por 3.100 e 2.700, o que supuxo un prezo medio alto, 700 euros por encima dos prezos de saída.
A Asociación de Criadores de Raza Loura Galega, Acruga, comezou ao grande e da mellor forma posible a tempada de poxas, que este ano presenta prezos de saída máis elevados, debido á subida do prezo da carne e tamén ao incremento do que Acruga paga polas xatas que compra a gandeiros para levalas ao centro de recría de Castro Ribeiras de Lea, dependente da Deputación de Lugo. Así, este ano os prezos de saída fíxanse en 2.500 euros, fronte aos 2.300 das anteriores poxas.
O presidente de Acruga, César Dorado, mostrouse moi satisfeito con estes resultados. "Non influíu o lixeiro incremento dos prezos de saída dos animais, porque os gandeiros saben que agora tamén subiu o que se paga polos exemplares que van ao matadoiro do mesmo xeito que os propios prezos da carne. Obtivemos prezos medios elevados e, o que é máis importante, cubríronse todas as poxas, que é o noso obxectivo principal para dar resposta á demanda de exemplares de calidade de Raza Loura Galega".
As seguintes citas que xa está a preparar Acruga serán en Castro Caldelas, o mércores 10 de setembro; en Rodeiro, o 19 de setembro; Pedrafita do Cebreiro, o próximo día 21; e xa no mes de outubro, unha nova poxa en Adai.