Abre Artesanfroilán coa participación de 21 obradoiros

LugoXa
O vicepresidente da Detupación de Lugo e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro, a concelleira de Cultura do Concello de Lugo Maite Ferreiro e a concelleira de Participación e Servizos á Cidadanía do Concello de Lugo Cristina López inauguraron onte á tarde a feira de artesanía ArteSanFroilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño.
obradoiros artesanfroilan
4 Oct 2023

O vicepresidente da Detupación de Lugo e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro, a concelleira de Cultura do Concello de Lugo Maite Ferreiro e a concelleira de Participación e Servizos á Cidadanía do Concello de Lugo Cristina López inauguraron onte á tarde a feira de artesanía ArteSanFroilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño. Vinteún obradoiros artesáns venderán os seus produtos na Praza Anxo Fernández Gómez, detrás do Concello de Lugo, ata o vindeiro 12 de outubro.

Cerámica, textil, coiro ou madeira predominan na mostra, que amosa a calidade da artesanía galega, con elementos únicos que reflicten a creatividade de artesáns e artesás e os novos camiños que se abren para os oficios tradicionais na sociedade actual.

O vicepresidente provincial e as concelleiras convidaron a lucenses e visitantes a achegarse á feira de artesanía que, con vintesete edicións, é unha das citas consolidadas do San Froilán. A instalación nos postos é, un ano máis, de balde para as firmas de artesanía, que teñen un escaparate para os seus produtos en plenas festas.

O ArteSanFroilán estará aberto ao público en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, con acceso de balde.

Obradoiros participantes

Textil, cerámica e coitro predominan na mostra. Así pódense ver e mercar artigos de mesa como as vaixelas de Mi madre no me deja ou os bonecos de personaxes de anime feitos con lá da man de Amigurumis Jano.

As delicadas técnicas mixtas de Imavi a través dos seus complementos artesanais volven estar presentes nesta mostra, así como as personaxes de amigurumi e miniaturas fantásticas de resina moldeable de Lucecús.

Tamén está presente a marroquinería de Rappa Taller con carteiras, pulseiras e mochilas, ou as axendas, boinas, moedeiros e bolsos de Tres Caracoles, Fonte Meimil e Senda Coiro. Vidal Revilla ofrece as súas fundas de lentes, cintos e portadocumentos. Así mesmo, poderase ver calzado deste material con Bolboretas de Coiro.

As persoas que se acheguen á mostra terán á súa disposición a moda pintada a man por Rami de Patapúm, as prendas feitas a man co aúnica axuda dunha máquina de coser de Sara González Grandío de A Sariña Maquinando ou complementos de La Mosquita Muerta.

Tamén forman parte o obradoiro de cerámica artesanal e obxectos decorativos Regal Cerámica e as firmas La Bellota Mágica, Ceniza de Papel , Esquina Atlántica e Artesanía do Pasatempo con pezas de cerámica e alfarería.

Enxógate aportará unha visión distinta da artesanía, con xoguetes e xogos que nacen da talla da madeira para estimular a mente e mellorar as capacidades. O obradoiro Cunqueiro trae ao Artesanfroilán lámpadas, bandexas, cuncos e outros utensilios de cociña feitos en madeira. A mostra complétase co taller artesán Portomeñekos, especializado na creación, deseño e restauración de imaxinería festival popular, con pezas en cartón pedra.

As firmas participantes seleccionanse a través dunha convocatoria aberta a obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía de Galicia.

0.1659471988678