Abre este martes na praza Maior a Feira do Libro de Lugo

LugoXa
A Deputación colabora coa Feira do Libro, que se celebra do 16 ao 20 de maio na Praza Maior con trece postos de librarías e editoriais
programa feira de libro lugo portada
15 Maio 2023

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Feira do Libro de Lugo, que se celebra do 16 ao 20 de maio na Praza Maior con trece postos de librarías e editoriais - entre eles o do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo-, e un amplo programa de presentacións, concertos, contacontos e actividades de animación á lectura.

A axenda da xornada inaugural, coa apertura inclúe a presentación do libro O Museo Provincial de Lugo. Orixe e consolidación (1932-1982) de Aurelia Balseiro García, que repasa os primeiros anos de historia do Museo, ás 17.30 horas.

O xoves 18 de maio, ás 19.00 horas, será a presentación do libro ilustrado Lugo Apocalíptico, con imaxes de José Crende Novoa e Serafín R. Trashorras, editado tamén polo Servizo de Publicacións.

As presentacións acompañan a presenza un ano máis na Feira dun posto propio no que se amosarán os títulos editados ou participados polo Servizo de Publicacións, que estarán a venda nas librarías da feira, co desconto do 10%.

A vicepresidenta da Deputacíon de Lugo explicou que “colaboramos un ano máis coa Federación de Librarías de Lugo na organización a Feira do Libro de Lugo, un escaparate e un espazo de venda para librarías e editoriais, e sobre todo unha oportunidade para suliñar a importancia da lectura, que chega nunha semana tan importante para a cultura e a literatura galega como a do Día das Letras Galegas” e convidou a “visitar a partir de mañá os postos de venda e disfrutar de todas as actividades programadas”.

Ademais da caseta do Servizo de Publicacions, venderán libros na feira Libraría Pedreira, Muralla de Cómics, El Faro de los Tres Mundos, Librería Aguirre, Librería Trama, Libraría Tótem, Libraría Cortizas, Edicións Embora, Librería Biblos Librería Agrasar, Editorial Canela e Lar Libros (con stand compartido) e Libraría Cartabón. Os postos estarán abertos en horario de mañá e tarde, de 11.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.00 horas. O pregón -mañá as 19.00 horas- correrá a cargo da docente e académica da RAG María López Sánchez.

0.19642281532288