Abre na galería Solaina unha mostra da lucense Noemí Núñez

O vindeiro xoves 5 de xuño ás 19:00 horas terá lugar na galería de arte Solaina de Lugo a inauguración da exposición Perdendo a forma humana, da artista lucense Noemí Núñez. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xullo e reúne unha selección de obras pictóricas e cerámicas que exploran o íntimo, o onírico e o fantástico.
Perdendo a forma humana propón un percorrido por un universo habitado por criaturas reais e imaxinarias, personaxes enmascarados e seres ficticios sorprendidos en momentos de intimidade. A obra de Núñez constrúese a partir do autorretrato como punto de partida, dende onde a artista desprega un proceso pictórico por capas que transforma o rostro nunha nova identidade desligada da súa forma orixinal.
Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Noemí Núñez (Lugo, 1987) iniciou a súa formación na EASD Ramón Falcón e completouna en Tenerife, Rumanía e Berlín.
Recentemente finalizou o ciclo de cerámica artística tamén na EASD Ramón Falcón. O seu traballo combina figuración e abstracción, dando lugar a paisaxes internos marcados pola emoción, a fantasía, o amor, a morte e o disfrace.
A maior parte da súa obra é pictórica, cunha forte presenza do xestual e o intuitivo, onde a cor, a mancha e o volume se funden para construír presenzas inquietantes e atmosferas densas. Ao longo da súa traxectoria participou en festivais e bienais como Fancine Festival de cine fantástico e de terror de Monforte), o Encontro de Artistas Novos EAN11 (Cidade da Cultura), a Bienal do Eixo Atlántico ou a Bienal Pintor Laxeiro, entre outros.
A exposición na galería Solaina supón unha nova oportunidade para achegarse ao particular imaxinario dunha creadora que aborda a pintura e a cerámica como un proceso íntimo e transformador.