Abre no Centrad a mostra 'Alén do lago', do fotógrafo Carlos Folgoso Sueiro

LugoXa
Poderá verse ata o 30 de xuño en Lugo, inicio dunha itinerancia por outras cidades galegas e portuguesas
exposicion-alen-do-lago-carlos-folgoso
31 May 2025

O Centro de Artesanía e Deseño acolleu este venres a inauguración da mostra Alén do lago, do fotógrafo verinense Carlos Folgoso Sueiro, proxecto gañador da décimo segunda edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, organizado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro presentou o acto no que o fotógrafo verinense, acompañado polos coordinadores do certame Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, guiou aos asistentes no visionado das imaxes que compoñen a serie fotográfica, seleccionada polo xurado do certame entre máis de 200 proxectos de 40 países.

Efrén Castro explicou que “o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea consolidouse como unha das principais plataformas de visibilidade para a fotografía como linguaxe artística na Galiza. Ano tras ano, este certame non só recoñece o talento, senón que promove proxectos cunha clara vontade de diálogo coa realidade que nos rodea, desde perspectivas críticas, estéticas e profundamente comprometidas e o recoñecemento ó proxecto de Carlos Folgoso na XII edición, é unha mostra máis: unha obra onde as imaxes non se limitan a documentar, senón que interpelan, suxiren e constrúen espazos de reflexión.

“Dende a área da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, somos conscientes da complexidade, da esixencia e da riqueza deste proxecto, e polo tanto reafirmamos a nosa vontade de seguir acompañando e apoiando o traballo da Asociación Outono Fotográfico, xa que entendemos que espazos como este son fundamentais para unha cultura viva, crítica e contemporánea”

Alén do lago poderá verse ata o 30 de xuño no Centro de Artesanía e Deseño, inicio dunha itinerancia por outras cidades galegas e portuguesas - como Braga no ámbito do festival intenacional Encontros da Imagem-, ademais doutras cidades internacionais como Londres, Nova York ou San Petesburgo.

Sinopse do proxecto

Alén do Lago preséntase como unha viaxe metafórica a través das idiosincrasias de Galiza, atravesada polo entorno máis próximo do autor, unha narrativa construída cunha atmosfera cinematográfica que nos transporta a un tempo indeterminado, onde se mesturan as realidades sociais e políticas coas lendas galegas e coa súa fronteira con Portugal.

A tristeza e o traballo como sinais de identidade, a emigración profundamente enraizada, o que protexemos e o que desprezamos, a tradición e os incendios forestais, as crenzas sincréticas e as mitoloxías, e unha dualidade entre forza e opresión que sempre caracterizou o noso pobo, son os eixos principais deste proxecto.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu en 2013 co obxectivo de promover esta arte e as cuestións éticas que ten, en relación coas formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Busca fomentar a creación dun espazo fotográfico en Galiza que complementen ao Outono Fotográfico. Nas últimas edicións os recoñecementos premiaron o traballo de Joan Alvado, Lois Cid, Patricia Barbosa e Gloria Ximendaz.

⚙ Configurar cookies
0.18278408050537