Abre no MIHL a mostra 'Literatura e Videoxogos'
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, achegouse ata o MIHL onde vén de abrir a nova exposición Literatura e Videoxogos, organizada polo Museo do Videoxogo en colaboración coa área de Cultura. A mostra estará aberta ata o vindeiro 9 de febreiro, e conta con máis de de 40 pezas, entre dispositivos e obras de software, de importante valor histórico e conceptual.
A exposición estará aberta ao público xeral e organizaranse actividades dirixidas aos centros de ensino de Lugo. Maite Ferreiro anunciou que a área de Cultura conta xa “con máis de 500 estudantes confirmados para visitar esta exposición”, e lembrou que os centros de ensino interesados poden poñerse en contacto co MIHL para organizar unha visita.
En conxunto, poderanse ver 20 sistemas de hardware, dos cales a metade serán interactivos e da outra metade unha alta porcentaxe serán funcionais, para que os visitantes poidan relacionarse cos videoxogos a través dos 20 fitos históricos que se abordan ao longo da mostra.
Ao longo da historia os videoxogos atoparon unha fonte de inspiración na literatura, pero é evidente que, sobre todo nos últimos anos, videoxogos e literatura véñense nutrindo reciprocamente. A narrativa máis tradicional inflúe no xeito de crear argumentos e personaxes nos videoxogos, e ao igual que os videoxogos aprenderon da literatura, hoxe en día tamén está a ocorrer á inversa.
Poñendo o foco nesta idea, alén das narrativas herdadas da literatura, a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia quere afondar na relación entre ambos medios, na súa expresión artística e o seu valor, desenvolvendo para o Concello de Lugo unha instalación experimental titulada Literatura e Videoxogos.
Esta mostra exemplifica a aposta da Fundación por achegar ao público a experiencia de xogo orixinal a través de diferentes instalacións funcionais e interactivas que falan sobre a transmedialidade existente entre dous eidos culturais, e coas que os visitantes poderán xogar e experimentar.
En definitiva, a exposición de (05/12/2023 - 09/02/2024) creada polo MUVI e desenvolvida no Museo MIHL abordará a relación da literatura e os videoxogos: as narrativas e a lingua integradas como elementos inseparables das obras interactivas, e as súas retroalimentacións, sinerxias e xéneses. Contará con máis de 20 sistemas de videoxogos e outros tantos títulos interactivos, que convivirán durante máis de 2 meses cunha vintena de obras literarias para o entendemento da súa relación.