Abre no Museo de Lugo a mostra sobre a recolleita e o consumo do mel
O Museo Provincial de Lugo acolle a exposición de olería Mel e barro, as máis belas tradicións de Galicia, promovida pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo e a concellería de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo.
A mostra, que pode verse no refectorio do Museo ata o 29 de outubro, inclúe unha coidada selección de pezas de barro relacionadas coa recolleita e o consumo de mel procedentes de coleccións galegas e doutros puntos do Estado.
Destacan 20 pezas orixinais de olería antiga de Galicia -veleiros, meleiras, castraderas e pucheiras- feitas entre os séculos XVII e XX, das coleccións de Gerardo Caldas (Sarria) e Rosa Carballés (Compostela), que atesouran a maior parte da alfarería fabricada en Galiza nos tres últimos séculos.
A mostra complétase con 14 pezas recuperadas doutros puntos do Estado como-Cáceres, Castellón, Ciudad Real, Córdoba, Badajoz, Jaén, Zamora ou Toledo – que permiten comprobar as solucións diferentes que se daban as mesmas necesidades en cada lugar, en función da súa cultura e idiosincrasia. Trátase de reproducións de pezas orixinais elaboradas para a exposición por alfereiras e alfareiros de cada unha das zonas. Cada unha delas acompáñase dunha fotografía do proceso de traballo.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o deputado de Medio Rural Daniel García e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo valoraron “a exclusividade das pezas que se poderán ver na mostra” e convidaron “a visitar a exposición, que se desenvolverá como actividade paralela a Feira do Mel , contribuíndo a súa dinamización e produción”.