Abre o hoxe o prazo de inscrición ás actividades da Reserva da Biosfera Terras do Miño
A programación, que se desenvolverá entre xaneiro e marzo, inclúe unha decena de propostas de lecer e educación ambiental con máis de 160 prazas para todos os públicos.
A Deputación de Lugo abre hoxe o prazo de inscrición para participar no novo programa de actividades gratuítas que organiza co obxectivo de fomentar o lecer saudable e a educación ambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola institución provincial. O calendario inclúe case unha decena de propostas, con máis de 160 prazas para todos os públicos, que se desenvolverán no primeiro trimestre do ano, dende o 2 de xaneiro ao 27 de marzo. Todas se celebrarán no Centro de Interpretación Terras do Miño:
A primeira actividade terá lugar entre os días 2 e 5 de xaneiro, e está pensada para os nenos e nenas de 6 a 12 anos. Educación ambiental no paseo do Rato conta con 20 prazas e está prevista en horario de mañá: de 10 a 14 horas. Consistirá nun taller empregando follas e a realización dun póster, en actividades para axudar ás aves a alimentarse nos meses de inverno, xogos, unha saída e un taller de rastros e, finalmente, na elaboración de adhesivos e teatro de natureza.
Do día 15 ao 19 está programado o Curso de Poda con 20 prazas para adultos. Esta actividade desenvolverase en horario de tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas. Un obradoiro para iniciar aos asistentes nas diferentes técnicas que se aplican nas masas forestais para unha produción sostible.
En febreiro, entre os días 5 e9, realizarase Balcón comestible, despensa viva. Un curso dirixido aos adultos sen coñecementos previos ou con nocións básicas de horticultura que teñan inquedanzas relacionadas co aproveitamento dos recursos e materiais cotiáns. Esta actividade está programada para as mañás, entre as 10:00 e as 14:00 horas.
Vivir un entroido co que nos oferta a natureza é unha actividade infantil que se celebrará entre o 12 e o 14 de febreiro. Haberá 20 prazas en quenda de mañá, das 10.00 ás 14:00 horas. Esta iniciativa contará con xogos tradicionais, elaboración de disfraces co material do entorno, aprendizaxe sobre o entroido ou unha festa.
A finais de febreiro e primeiros de marzo terá lugar o taller Enxerto. Será os días 26, 27, 28 e 29 de febreiro e o 1 de marzo, entre as 10:00 e as 14:00 horas, e contará con 20 prazas. Un curso que pretende iniciar aos asistentes nas diferentes técnicas de multiplicación aplicadas a árbores froiteiras, así como o manexo das ferramentas empregadas.
Fagamos turismo responsable terá lugar os días 4, 5, 6, 7 e 8 de marzo en horario de 10:00 a 14:00 horas. Haberá 20 prazas para facer visitas e actividades relacionadas co ocio e o turismo sostible como á Insua de Burneiros ou á Olería de Bonxe.
Os días 11, 12, 13, 14 e 15 de marzo 12 adultos terán a oportunidade de participar no taller de Cestaría, un curso práctico para a elaboración de cestos que terá lugar polas mañás de 10:00 a 14:00 horas.
Haberá outro curso de Enxerto a finais de marzo. En concreto, os días 18, 19, 20, 21 e 22 poderán participar 20 adultos en horario de tardes, entre as 16:00 e as 20:00 horas.
Finalmente, os días 25, 26 e 27 de marzo terá lugar a actividade Centro de Interpretación 3.0 robótica, intelixencia artificial e realidade aumentada. En horario de 10:00 a 14:00 horas, 15 rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos terán a oportunidade de aprender programación aplicada ao coidado do medio ambiente, robótica educativa, intelixencia artificial, realidade aumentada e realidade virtual. Ademais, crearán un escape room educativo online sobre a Reserva da Biosfera.
Como inscribirse
As persoas interesadas poderán anotarse a través das diferentes canles dispoñibles, chamando ao número de teléfono 982.227.812 e 982.305.930, enviando un correo electrónico a a.ambientais@deputacionlugo.org
Inscríbete e consulta a información neste enlace.