Abre o luns en Lugo o prazo para solicitar as actividades socioculturais

LugoXa
O Goberno de Lara Méndez achegará, neste curso, múltiples propostas socioculturais para diversificar e aproveitar, dun xeito entretido e saudable, o tempo de lecer de toda a poboación, especialmente, da maior de 60 anos.
ximnasia maiores
16 sep 2023

O Goberno de Lara Méndez achegará, neste curso, múltiples propostas socioculturais para diversificar e aproveitar, dun xeito entretido e saudable, o tempo de lecer de toda a poboación, especialmente, da maior de 60 anos.

A área de Cohesión Social, que dirixe a edil Ana González Abelleira, vén de deseñar da man das e dos técnicos municipais, un variado programa que contempla accións lúdicas pero tamén socioeducativas e psicofísicas coas que “dende o Executivo local pretendemos mellorar a calidade de vida da veciñanza e atender as demandas que nos traslada, contribuíndo ao mesmo tempo a avanzar nunha sociedade inclusiva e integradora”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez explicou que “a programación trata de dar prioridade ao benestar social da cidadanía de tódalas idades, con residencia en calquera dos barrios da capital pero tamén en cada unha das 54 parroquias – cuxa programación se está a deseñar neste momento co tecido asociativo do rural - facendo real a igualdade de oportunidades e dereitos, independentemente das posibilidades económicas ou do lugar de residencia, sen importar onde vivan nin a franxa de idade á que pertenzan”, engadiu a alcaldesa de Lugo.

Así, entre o 2 de novembro e o 31 de maio de 2024, os diferentes centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Maruja Mallo, A Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra), ofrecerán un amplo catálogo de cursos cos que a área de Cohesión Social ten por obxecto atender as necesidades físicas e emocionais das e dos residentes en cada contorna.

“Algunhas das actividades son continuístas, debido a que gozan de gran participación e aceptación entre o público, mentres que outras se incorporan este ano – como a Bricolaxe, a Decoración de Pezas de Madeira ou o Coidado e Coñecemento das Plantas Medicinais - en función das preferencias que as persoas usuarias nos fixeron chegar a través do contacto permanente que mantemos co tecido asociativo do municipio”, abondou Méndez.

Pola súa parte, a concelleira responsable avanzou que se manteñen as de contido social, “como poden ser Envellecemento Activo; Repasando Cousas; Memoria e Lembranzas; o Uso de Teléfonos Móbiles en distintos niveis ou a Informática para Relacionarse, pero tamén outras de tipo psicofísico, como a Ximnasia e a Bioximnasia, Pilates, Ioga ou Relaxación así como aquelas coas que pretendemos fomentar as relacións interxeracionais entre a mocidade e as persoas adultas a través da Risoterapia Musical, os Bailes de Salón, a Pintura e as Manualidades”.

Ana González Abelleira adiantou, así mesmo, que haberá clases de Cociña Saudable Intercultural, Costura e de Encaixe de Palillos. “Seguen as Aulas Abertas, o Club de Lectura e tamén os talleres dirixidos a mellorar a inclusión como o Reforzo Educativo e a Integración a Través da Lingua, ao tempo que faremos obradoiros para datas especiais centrados no outono, o Nadal ou o Entroido”.

“Igualmente haberá outras accións de carácter aberto e común a todos os centros vencelladas á celebración de determinadas festas como xornadas de diferentes temáticas, encontros, charlas, mesas redondas, conmemoracións de datas sinaladas de sensibilización sociocultural, saídas culturais e excursións, etc...”, debullou.

“En resumo, o noso obxectivo é mellorar a calidade de vida das e dos lucenses, poñendo á súa disposición os espazos públicos e as dependencias municipais, porque as persoas son sempre o centro das nosas políticas, ás que queremos ofrecerlles unha atención integral que aborde todos os aspectos da súa vida”, engadiu a edil de Cohesión Social que fixo fincapé, alén, en que a oferta proposta responde á realidade social de cada un dos barrios onde as actividades organizadas se axustan ao perfil das persoas residentes e ás inquedanzas e predileccións que trasladan.

Prazo de inscrición e publicación das listas

O prazo de inscrición para apuntarse á programación sociocultural do Concello de Lugo comezará o luns, día 18 de setembro, e rematará o venres 22. As solicitudes poderán presentarse en horario de mañá (de 09:00 a 13:00 horas) nos centros cívicos ou a través do rexistro electrónico do Concello coa limitación dun máximo de tres instancias por persoa e centro e dunha solicitude para os obradoiros psicofísicos por centro e ata un máximo de tres centros.

A adxudicación das prazas farase por sorteo informático público que terá lugar o próximo 27 de setembro ás 11:00 horas procedendo, a continuación, á publicación das listas provisionais e de reserva.

As listas definitivas exporanse o 16 de outubro nos taboleiros dos centros.

As actividades teñen na súa maioría unha cota simbólica, a máis cara ascende a 20€ para toda a tempada, sendo outras moitas gratuítas, “en prol da inclusión e para garantir a igualdade de dereitos e oportunidades de toda a cidadanía”, concluíu Ana González Abelleira.

0.10900497436523