Abre o luns o prazo para solicitar unha das 380 prazas nas Aulas Abertas de Verán de Lugo

O Concello de Lugo abrirá o vindeiro luns, 9 de xuño, o prazo para solicitar unha das 380 prazas dispoñibles nas Aulas Abertas de Verán, unha iniciativa da área de Cohesión Social dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 10 anos, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares.
As actividades desenvolveranse en catro quendas, do 1 de xullo ao 29 de agosto, en horario de 08:30 a 14:30 horas, de luns a venres, en cinco centros, con 20 prazas por quenda nos de Fingoi, Paco Martín, Maruja Mallo e Milagrosa, e 15 en Lamas de Prado. O Concello reserva ata un 20 % das prazas por quenda para familias en situación de vulnerabilidade e dará prioridade ás crianzas con diversidade funcional cando poidan participar nas actividades.
As cotas de participación serán de 11,33 euros para as quendas de xullo (11 días) e 10,30 euros para as de agosto (10 días), cun 50 % de bonificación para o segundo fillo ou filla da mesma familia e gratuidade para o terceiro irmán ou irmá, sempre que non se superen os límites de ingresos establecidos.
As solicitudes de inscrición poderán presentarse entre os días 9 e 13 de xuño, en horario de 09:00 a 13:00 horas, nos propios centros onde se desenvolverán as aulas, agás no caso do centro Paco Martín, cuxa inscrición se realizará na Milagrosa.
Unha vez rematado este prazo, o 18 de xuño terá lugar o sorteo informático das prazas e o día seguinte publicarase a lista provisional de admitidos. O pago da cota deberá realizarse os días 19, 20, 23 ou 24 de xuño, e o día 26 publicarase a lista definitiva