Abre o novo aparcadoiro público na rúa Rof Carballo con 17 prazas adicionais

O Concello de Lugo vén de inaugurar un novo aparcadoiro público na rúa Rof Carballo, onde acaban de rematar as obras e xa está aberto ao público. “Aproveitamos un terreo municipal que xa se empregaba como estacionamento, creando un novo espazo que amplía en 17 prazas o estacionamento dispoñible na zona”, explicou o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo.
Na parcela obxecto desta intervención habilitouse un pavimento de formigón pulido na zona de acceso e manobra, mentres que para as áreas destinadas ao estacionamento se instalou céspede armado de dez centímetros de grosor sobre unha base de vinte e cinco centímetros de grava, delimitada polas zonas verdes mediante un bordillo de formigón de dobre capa. Ademais, axardinouse a fachada da parcela que dá á rúa San Xillao e plantáronse novas árbores para mellorar a integración paisaxística do espazo.
A actuación contou cun investimento de 43.076 euros. Rubén Arroxo subliñou que “ampliamos a capacidade de estacionamento do barrio de Fontiñas, mellorando a vida das veciñas e veciños desta zona”, e engadiu que “seguimos traballando para que todos os barrios conten con intervencións que melloren o espazo público”.