Abre o prazo da convocatoria dunha achega para a sostibilidade das bibliotecas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de setembro
biblioteca_eoi_viveiro
6 sep 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou dunha nova convocatoria impulsada por primeira vez desde o Ministerio de Cultura para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva co fin de modernizar e facer máis sostibles as bibliotecas públicas municipais. Con este anuncio animou aos concellos da provincia a solicitar as subvencións dirixidas a localidades cunha poboación igual ou inferior a 50.000 habitantes, condición que cumpren 66 dos 67 concellos lucenses.

O período para presentar solicitudes está aberto desde hoxe ata o vindeiro 25 de setembro, logo da súa publicación no BOE, e existen tres modalidades de axudas que se poderán destinar á compra e instalación de equipamento tecnolóxico, mobiliario e equipamento físico, ou ben para a instalación de sistemas de climatización e mellora da eficiencia enerxética.

Entre as propostas dos concellos que conten cunha biblioteca ou centro de lectura de titularidade municipal, porase especial énfase nas propostas que incorporen elementos que faciliten o acceso e a comodidade de persoas maiores, con discapacidade ou con mobilidade reducida, segundo explican desde o Ministerio.

A subdelegada destacou “o traballo constante deste Goberno para a mellora de espazos públicos que posibiliten o acceso universal á lectura, facilitando unha democratización da cultura e do saber e dotando de servizos públicos mellorados a todos os territorios”.

Obxectivos da convocatoria

O obxectivo xeral desta nova liña de axudas do Ministerio de Cultura é reforzar o acceso á lectura e a participación da cidadanía na cultura no ámbito rural. Así, enmárcase nos obxectivos fixados polo Pleno do Consello de Cooperación Bibliotecaria para o Plan Estratéxico 2024-2028, enfocado na sustentabilidade, a accesibilidade, a innovación tecnolóxica e a profesionalización do sector bibliotecario. Precisamente, a primeira liña estratéxica deste cuarto plan é promover a sostibilidade e a accesibilidade universal nas bibliotecas e incrementar o acceso a bibliotecas e servizos bibliotecarios.

0.16645002365112