Abre o prazo das axudas por sacrificio obrigatorio de animais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades. Estas subvencións, que xestiona a Consellería do Medio Rural, contan cun orzamento de 250.000 euros na súa convocatoria para o 2021.
Así, por unha banda, esta orde regula dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas complementarias (lucro cesante). En primeiro lugar, coas axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período no que non se permite a incorporación de novos animais (período de baleiro). En segundo termo, coas subvencións de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período dende que se autoriza a incorporación de novos animais, ata que esta se fai efectiva (período de postautorización).
Por outra banda contémplanse, ademais das axudas para compensación, aquelas destinadas á compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.
Tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
BENEFICIARIOS
Poderán ser beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas nas que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.
Do mesmo xeito, poderán beneficiarse das achegas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións das devanditas especies nas que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación. Tamén, as persoas ou entidades titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais destas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.
O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, ata o día 30 de novembro de 2021.
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210216/AnuncioG0426-020221-0001_gl.html