Abre o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais de Lugo

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou a apertura do prazo de inscrición nas Escolas Infantís Municipais de Lugo, que permanecerá aberto ata o martes 8 de abril.
As familias poderán solicitar praza en calquera dos catro centros: Luís Soto Menor, María Wonenburger, Gregorio Sanz e Serra de Outes.
Buide destacou que se organizarán xornadas de portas abertas para que as familias interesadas poidan coñecer de primeira man as instalacións antes de presentar a súa solicitude.
Así, o martes 18 de marzo, entre as 17:00 e as 19:00 horas, abrirán as súas portas as escolas infantís Luís Soto Menor, María Wonenburger e Serra de Outes. No caso da escola Gregorio Sanz, a xornada de portas abertas celebrarase o martes 25 de marzo, no mesmo horario.
Entre os requisitos para optar a unha praza establécese que tanto a nena ou neno como a persoa solicitante deben estar empadroados no Concello de Lugo. A idade das crianzas deberá estar comprendida entre os 3 meses (no momento de ingreso na escola) e os 3 anos (idade máxima ao 31 de decembro deste ano).