Abre o prazo do XI Concurso de Fotografía Cidadanía Europea en Galicia
O centro municipal de información europea, Europe Direct Lugo, situado no CEI Nodus, convoca conxuntamente co Europe Direct da Coruña o XI Concurso de Fotografía Cidadanía Europea en Galicia baixo o lema Europa preto de ti, co obxectivo de que os participantes presenten obras que simbolicen como a Unión Europea está presente no seu día a día. Neste senso, o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, convidou á cidadanía a participar e “achegar a súa visión da UE a través dos seus obxectivos”, ao tempo que destacou que este certame busca fomentar a expresión artística e servir como testemuña visual da importancia de formar parte da Unión Europea.
O concurso estará aberto a toda a cidadanía residente en Galicia maior de idade ata o vindeiro 11 de abril, ás 14.00 horas. Con motivo da súa décimo primeira edición, o certame convida a representar nunha imaxe a proximidade da UE, a través das súas liñas de axudas ou programas de emprego. Ademais terase en conta que este ano 2024 terán lugar os comicios europeos e celébranse os 30 anos da rede europea de servizos de emprego (EURES) e que se cumpre o vixésimo aniversario da ampliación da Unión Europea cara a Europa Central e Oriental, Chipre e Malta.
Cada participante poderá presentar unha ou varias fotografías ou unha ou varias montaxes de fotografías, que serán orixinais, únicas e inéditas. As fotografías deberán enviarse ao correo electrónico cidadaniaeuropeaengalicia@gmail.com, acompañando o formulario de participación, dende onde serán subidas de maneira automática á páxina de Facebook do concurso. As bases e toda a información atópanse na web: www.europedirectlugo.com
O xurado estará composto por 5 persoas: dous representantes de cada Europe Direct organizador e un experto en fotografía e para a elección das obras gañadoras teranse en conta os seguintes criterios: Adecuación á temática, calidade, orixinalidade e a mensaxe transmitida. Ademais de valorar tamén a mensaxe europea, a presentación artística e a aplicación pedagóxica do seu contido. Os nomes das persoas gañadoras serán publicados na páxina de Facebook do concurso o día 18 de abril de 2024. Cada centro Europe Direct fará entrega de dous premios, cun total de 4 premios individuais a repartir: os gañadores recibirán unha cámara de fotos e os segundos clasificados unha tablet.