Abre o prazo en Lugo para solicitar os permisos para as fogueiras de San Xoán
O Concello de Lugo abriu o prazo de solicitude para a organización das cacharelas de San Xoán. A celebración, unha tradición con moito arraigo na cidade, poderá realizarse por terceiro ano consecutivo despois das medidas preventivas que a cancelaron ao longo da pandemia.
A alcaldesa, Paula Alvarellos, ditou un bando no que se recollen os requisitos aos que deberán axustarse toda as fogueiras que se organicen para celebrar o Lume Novo. A rexedora animou a toda a veciñanza “a participar dunha tradición moi nosa e que regresou con forza nos últimos anos” ao tempo que lembrou a importancia de “cumprir coa normativa para garantir a seguridade de todas as persoas participantes e un correcto desenvolvemento da celebración”. A popularidade das fogueiras de San Xoan, cada vez máis en auxe, tivo como resultado un total de 387 solicitudes o ano pasado.
Os colectivos ou particulares interesados, que terán os impresos á súa disposición na Policía Local, dispoñerán ata as 13.00 horas do 21 de xuño para presentar as instancias coas que obter o permiso de queimas.
Entre as normas incluídas no documento contémplase a prohibición da queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como de materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Ademais, tampouco estará permitido o lanzamento de foguetes.
O edicto recolle tamén que os lumes non poderán estar próximos a localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco estará permitida a súa realización no Centro histórico nin en emprazamentos nos que poidan crearse situacións de perigo.
Por último, as persoas responsables ou organizadoras deberán retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematada a queima. En caso de incumprimento dalgún dos termos recollidos anteriormente ou de queixas fundamentadas da veciñanza, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagar o lume de inmediato.