Abre o prazo para inscribirse no Campus Emprende 2023
O Campus Emprende 2023 desenvolverase de forma semipresencial en Lugo do 18 ao 22 de setembro. Este campus de emprendemento que promove a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) en colaboración con Campus Terra, diríxese a estudantes cunha idea de negocio baseada no seu Traballo Fin de Grao (TFG), Traballo de Fin de Mestrado (TFM), ou tese doutoral, ou cunha idea con potencial innovador, para que poidan aprender a desenvolver un proxecto empresarial de éxito.
A participación no Campus Emprende 2023 do Campus Terra pode ser individual ou en equipo e a formación apostará por un modelo participativo que combina a exposición de figuras expertas, conversas con persoas emprendedoras e titorías personalizadas telemáticas. O programa de contidos campus inclúe ferramentas de xestión estratéxica que permitan analizar e crear modelos de negocio, como é o caso de Canvas, o estudo de mercado, e os plans organizativo e financeiro, entre outras cuestións. Modesto Gómez, director executivo de Enxeño Galicia, Pablo Mosquera, director de inversións de Unirisco, Alba Pombo, analista de inversións en Xesgalicia,e Santiago López, responsable económico financieiro en Uninvest, formarán parte do equipo docente do campus. As iniciativas participantes expoñerán o seu modelo de negocio ante este equipo formativo, que será o encargado de premiar os mellores proxectos.
As sesións presenciais terán lugar no Edificio Cactus do Campus de Lugo os días 18 e 20 de setembro en horario de 10 a 13.30 horas, e o 22 de setembro, en horario de 10 a 15 horas. Tamén haberá sesións en liña, os días 19 e 21 de setembro, desta volta en horario de 18 a 20 horas.
O prazo de inscrición está aberto ata o 14 de setembro e as persoas interesadas en participar poden anotarse a través do formulario en liña habilitado polo programa.
Para maior información, as persoas solicitantes poden contactar co persoal técnico do Campus Terra a través do enderezo electrónico campus.terra@usc.es e do teléfono 982.822.854.