Abre o prazo para o programa de voluntariado do Castro de Viladonga

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta abre a convocatoria de Conecta Voluntariado Galicia, un programa destinado a achegar a terra ás mozas e mozos galegos do exterior
campamento veran castro de viladonga portada
26 Xuño 2023

Esta iniciativa está dirixida a persoas galegas que residan no exterior de entre 21 e 30 anos.  As e os participantes descubrirán aspectos da historia xacobea e do patrimonio cultural galego.

O Diario Oficial de Galicia fixo pública a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación no programa de lecer “Conecta Voluntariado Galicia”, que ofrece 20 prazas para que mozos e mozas galegas residentes no exterior de entre 21 e 30 anos poidan coñecer Galicia a través de actividades que se desenvolverán no campo de voluntariado do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 8 e o 19 de setembro.

O programa realízase coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social, así como coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación.

Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia a través de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria a través de traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural. O plan do traballo compleméntase cun programa con actividades de convivencia, formación e tempo libre.

En total, ofértanse 20 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. As e os interesados deberán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ou das entidades colaboradoras nos distintos países: as delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, a Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro, a Sociedad Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Beneficiencia Rosalía de Castro en Santos, a Asociación Cultural Caballeros de Santiago en Salvador de Baía, a Federación de Sociedades Gallegas na Habana, a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas e nos rexistros dos consulados de España.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e de tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos e galegas nos programas e servizos a favor da xuventude. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados das e dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes, que se abre mañá, remata o próximo 24 de xullo. Máis información nesta ligazón.

campamento veran castro de viladonga
0.2008490562439