Abre o prazo para participar en sete cursos gratuítos de formación en alturas en Lugo

A área de Xuventude do Concello de Lugo abre o prazo de inscrición para sete cursos gratuítos de formación en alturas, dirixidos a promover novas oportunidades laborais en sectores con boa saída profesional.
A iniciativa, que forma parte do programa +Xti, ofrece un total de 137 prazas e desenvolverase durante os meses de marzo e abril.
Os cursos dispoñibles son os seguintes: operario de produción transpaleta e apilador, plataforma elevadora móbil de persoas, traballos en altura, instalación de placas solares, operario de carretilla elevadora, traballos verticais suspendidos e operario de telecomunicacións en alturas, risco eléctrico e espazos confinados.
Esta formación está subvencionada polo Plan Nacional de Drogas dentro do programa +Xti, impulsado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo e está destinada a lucenses de entre 18 e 39 anos que estean empadroados na cidade.
Os cursos comezarán en marzo, cun total de 75 prazas distribuidas entre o curso de operario de produción transpaleta e apilador, o de plataforma elevadora (con dous grupos) e o de traballos en altura. O prazo de inscrición para estes cursos remata o 27 de febreiro.
No mes de abril, desenvolveranse os outros catro cursos, que cubrirán as especialidades de instalación de placas solares, operario de carretilla elevadora, traballos verticais suspendidos e operario de telecomunicacións en alturas, risco eléctrico e espazos confinados. Estes cursos ofrecerán 72 prazas, e as inscricións estarán abertas entre o 6 e o 13 de marzo.
As clases terán lugar nas instalacións de Zertín Formación, situadas no polígono do Ceao, e serán totalmente gratuítas para os seleccionados. A inscrición pode realizarse a través da páxina web do Concello ou nas oficinas habilitadas para tal fin.