Abre o prazo para participar no segundo concurso de tapas de Castroverde
O Concello de Castroverde convocou o segundo Concurso de Tapas co obxectivo de dinamizar o sector e poñer en valor a oferta gastronómica. Está aberta a fase para que os establecementos podan inscribirse no concurso.
O concurso celebrarase entre os días 1 e 3 de marzo e participarán diferentes establecementos de hostalaría cunha única tapa cada un. Amplíase deste xeito unha xornada máis esta celebración
O horario para poder desfrutar das tapas será de 20.30 a 23.00 o venres e o sábado mentres que o horario de mañá, de 13.00 a 15.30 horas será para sábado e domingo. Establécese tamén un prezo de venda ó público entre 3 e 4 euros
O Concello de Castroverde entregará a cada participante antes do primeiro día de comezo do concurso unha urna e folletos para que os clientes poidan emitir o seu voto, que colocarán nun lugar visible.
Os clientes para poder votar e participar nos sorteos dos premios será necesario que teñan o seu folleto selado por todos os establecementos participantes no concurso.
Establécense 3 premios ás mellores tapas para aqueles establecementos que acaden maior puntuación por parte dos clientes consumidores. Estes consistirán nun diploma acreditativo para que coloquen no seu establecemento e no que se fará constar o posto no que quedaron.
Para o público consumidor, os premios serán vales de compra por valor de 300, 200 e 100 euros para gastar en Castroverde.