Abre o prazo para presentar as ofertas polo solo empresarial en 19 polígonos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
As empresas interesadas en participar no concurso para a adxudicación do solo empresarial propiedade de Xestur Galicia teñen ata o vindeiro 12 de marzo para poder presentar as súas ofertas, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web da empresa pública.
14 Feb 2024

As empresas interesadas en participar no concurso para a adxudicación do solo empresarial propiedade de Xestur Galicia teñen ata o vindeiro 12 de marzo para poder presentar as súas ofertas, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web da empresa pública.

O procedemento inclúe un total de 251 parcelas localizadas en 19 parques empresariais e que suman unha superficie de 517.808,51 metros cadrados, segundo o detalle do cadro que se adxunta, e no que, ademais, se indican os prezos máximo e mínimo por metro cadrado, despois de aplicar a bonificación que corresponda a cada parque empresarial.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta aplica desde 2015 descontos dun 50% sobre o prezo de venda en todos os seus parques das provincias de Lugo e Ourense, de Ferrolterra, da Costa da Morte e da zona fronteiriza entre Pontevedra e Portugal; e dun 30% nos do resto de Galicia.

Segundo figura nas bases da convocatoria, as parcelas poderán adxudicarse en compravenda, ao contado ou con pago aprazado ata oito anos, e tamén poden solicitarse en dereito de superficie, unha modalidade que permite á empresa pagar unicamente un canon anual equivalente ao 1,5% do prezo da parcela os dous primeiros anos, posteriormente ao 2,5% no terceiro e cuarto ano, e ao 3,5% a partir do quinto ano.

En todo caso, os adxudicatarios de solo en dereito de superficie teñen tamén a posibilidade de comprar máis adiante a parcela, se así o desexan.

Pola súa parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo tamén está tramitando o seu propio concurso para a adxudicación de máis de 250.000 metros cadrados de solo empresarial da súa propiedade e prevese un segundo concurso por parte de Xestur para poñer no mercado outros 103.000 metros cadrados no parque empresarial de Xinzo de Limia, que actualmente aínda están en desenvolvemento.

0.097203969955444